O novo plano de residuos deberá basearse na prevención e na compostaxe
– Un plan baseado na prevención, cunhas inversións adecuadas en medidas educativas e técnicas para a redución de residuos e reutilización de envases, e que permitan frear o incremento brutal de lixo na Galiza (23’7% máis lixo entre o período 1998-2003),
– Un plan baseado na compostaxe; que permita, cunha separación e recollida adecuadas, a transformación da fracción máis abundante do lixo (máis do 52%) nun abono orgánico de elevada calidade que compense a perda de materia orgánica que están a sufrir os solos galegos. Cómpre tamén a implantación dun plano de compostaxe domiciliaria como modelo de xestión dos residuos orgánicos nos lugares onde fose posíbel,
– Un plan sen combustión, onde se abandone progresivamente a incineración e a biomasa sexa compostada xunto co lixo orgánico (ou até con xurros) contribuíndo a mellorar a composición e as propiedades do compost,
– Un plan descentralizado, cunha organización en plantas comarcais que minimice o transporte do lixo por toda Galiza, abaratando os custos da xestión e contribuíndo a unha menor emisión de gases de efecto invernadoiro. Neste eido sería positivo retomar planos locais (como o do Morrazo) que foron boicoteados polo anterior goberno autonómico,
– Un plan tecnoloxicamente barato, os 38.000 millóns de pesetas que gastou o anterior goberno da Xunta na planta de SOGAMA terían servido para construír varias plantas comarcais de compostaxe e financiar programas educativos destinados a frear o preocupante incremento na xeración de residuos. A inversión en aceiro e formigón non é a principal vía para rematar co problema do lixo en Galiza!
De aplicarse estas propostas o noso país terá dado uns pasos de xigante cara a sustentabilidade que, lembremos, foi sinalada por Touriño como un dos eixos da nova política progresista do PSOE para a Galiza.
