A compostaxe imprescidíbel para unha agricultura sostíbel
Expertos da Asociación Sectorial Forestal Galega alertaron nesta semana do descenso nos niveis de materia orgánica nos solos galegos. Hai que saber que a proporción de materia orgánica nun solo vai determinar a capacidade dese solo para reter auga e de nutrintes, marcando, nun último extremo, a súa fertilidade.
A compostaxe dos residuos orgánicos, da biomasa forestal e dos xurros é unha base para a obtención do abono orgánico de calidade que os solos de Galiza precisan. Asemade, desde a FEG queremos sinalar que os solos férteis son un recurso non renovábel básico para o mantemento da soberanía alimentaria dun país.
O establecemento de planos comarcais de compostaxe permitiría, cunha baixa inversión en tecnoloxía, a producción de abono perto das áreas consumidoras do mesmo, co cal se reducirían os custos de transporte. Un segundo efecto sería o de eliminar biomasa das áreas de cultivo forestal, co que a cantidade de combustíbel que ficaría nos nosos montes no verán fose menor.
O recente anuncio da ampliación de SOGAMA cunha planta para a incineración de biomasa enche de preocupación á FEG. Ao importante destrago económico (anúnciase un gasto de 60 millóns de €) súmase o destrago desa fonte de materia orgánica para os nosos solos. A combustión da biomasa contribúe tamén a acelerar o cambio climático, xa que durante ese proceso libérase CO2, un dos principais gases implicados no efecto invernadoiro.
Desde a FEG apostamos por unha xestión dos residuos urbanos, agrarios e forestais baseada na prevención, a compostaxe e a non combustión, e agardamos que desde a Consellería de Medio Ambiente se dean pulos á compostaxe que, lembremos, é apoiada masivamente por máis do 80% das asociacións veciñais galegas.
