Atrocidade natural na Serra do Suído
A Asemblea do Suído presenta recurso potestativo de reposición solicitando a anulación da aprobación do Parque Eólico de Fonteavia (1ª e 2ª fase) promovido por EUROVENTO, S.L. Unipersonal na Serra do Suído. Ademais solicítalle ás Consellerías de Industria e Medio Ambiente que tome medidas cautelares para preservar os valores naturais e patrimoniais da zona, ameazados por este proxecto e outros (como as canteiras, liñas de alta tensión e subestacións eléctricas)
A serra do Suído é uns dos espazos de media montaña máis valiosos de Galiza e nestes momentos é a única serra da Dorsal Galega que preserva os seus altos libres de instalacións eólicas.
Ten uns valores naturais excepcionais, xa que moitos dos seus hábitats e especies están considerados de interese comunitario pola Directiva Hábitats (92/43 CEE), encargada de velar pola conservación da biodiversidade na UE.
Precisamente, as “turbeiras” (hábitat proiritario) do Suído constitúen o extremo meridional deste hábitat húmido, representadas na serra en gran número e extensión (existen algunhas de 2 Ha, aínda activas).
Demandamos que se inclúa o Suído dentro da rede de espazos naturais europea Natura 2000, xa que cumpre tódolos requisitos técnicos derivados da Directiva 92/43 CEE. Ademais, a UE instou ao Estado español, que aumente con máis espazos a súa proposta de espazos da rede (Galiza contribuíu co 11% do seu territorio, a proposta máis baixa do Estado, só por riba de Ceuta e Melilla). Tamén está a solicitar a UE que se aumenten os espazos naturais con turbeiras, polo que o Suído non pode quedar fóra desta rede.
As turbeiras son zonas húmidas, compostas por plantas higrófilas que ao morreren vanse acumulando sen que se produza a total descomposición e mineralización da materia orgánica, ao manterse as condicións hidromórficas constantes, impedindo a osixenación necesaria para que se produzan tales procesos, formándose turba.
