O Foro Social pola Defensa do Pobo paraliza a obras do Porto de Massó
Dende as oito da mañá ata as sete da tarde se están a facer quendas día tras día co fin de que non se produza ningún recheo no lugar, onde se prevé a construción duns seiscentos metros de lonxitude de diques para unha capacidade de 420 embarcacións, que afectaría directa e irreversiblemente a unha zona de relevante importancia mariña e marisqueira na Ría de Vigo e con fondos de maerl protexido a nivel internacional e indirectamente á praia urbana de Rodeira, pola alteración da biodinámica das correntes mariñas.
De non haber paralizado o proxecto a pé de obra ata o de agora nestas dúas semanas e media de tempo, se habería consumado un recheo duns 5000 m2 de lámina de auga con pedra, xabre e escombros, tralo cal a empresa Construcciones Dios e a promotora Residencial Marina Atlántica, rexida polo empresario Ubaldino Martínez, queren paradóxicamente construír unha zona verde para un teórico paseo público pero que suporía tamén o arranque do total do proxecto.
De tódolos xeitos os colectivos e cidadáns/ás concentrad@s estamos á espera de que a Xunta de Galicia ou a Autoridade Portuaria de Vigo, ente público estatal competente na zona, paralicen legal e cautelarmente as obras do porto deportivo, situación que ata o de agora non sucedeu a pesares de que a Xunta, a traveso da Consellería de Obras Públicas recoñeceu o pasado martes 18 nunha sesión do parlamento galego que existen "anomalías" nos trámites legais do proxecto, solicitando unha revisión do mesmo polas Consellerías de Pesca (en xuño do 2004 esta Consellería xa informou desfavorablemente e vinculante con respecto a este proxecto) a de Medio Ambiente, e que a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas, interpuxo un Recurso Contencioso contra o mesmo e denuncia a pé de obra por delito ecolóxico.
