Proposta de reserva da Biosfera para as Rías Baixas
As Reservas da Biosfera enmárcanse no programa "Home e Biosfera" da UNESCO e son zonas de ecosistemas terrestres ou mariños establecidas para promover e demostrar unha relación equilibrada entre os seres humanos e a biosfera. Actúan como ferramentas para a conservación da diversidade biolóxica e o uso sostible dos compoñentes naturais.
Na actualidade existen máis de catrocentas Reservas da Biosfera radicadas nun cento de países. Delas unhas cen son reservas costeiras. En España existen 26 Reservas da Biosfera, das que só, Terras do Miño e de Allariz, se localiza en Galicia. O territorio das Rías Baixas constituiría, por tanto, a primeira Reserva da Biosfera costeira de Galicia.
No informe básico elaborado por un gabinete de científicos pertencentes á Universidade de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, cualifican como ameazas de cara á implantación da Reserva da Biosfera nas Rías Baixas a tradicional carencia de planificación e ordenación do territorio ou a resistencia dalgúns axentes económicos, onde inciden en que as propostas recorrentes que conducen á proliferación desordenada de recheos portuarios, pontes, portos deportivos, etc., en tódalas ocasións sen contar con estudios previos rigorosos e sen ter en conta á totalidade das Rías Baixas como unidade de planificación, son incompatibles coa declaración das mesmas como Reservas da biosfera. Polo contrario, a xuízo dos autores do informe, o tipo de explotación dos recursos mariños que na actualidade se desenvolven nas Rías Baixas (pesca artesanal de baixura, marisqueo, cultivo en batea) é perfectamente compatible coa declaración destas como Reservas da Biosfera. Como fortaleza, ademais, expoñen as Rías Baixas como un territorio xa zonificado, dado que a configuración do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da proposta de inclusión de espazos naturais na Rede Natura 2000 nese litoral, adáptase perfectamente ó requisito de zonación en zonas núcleo, tampón e transición que se recolle no artigo 4 do marco estatutario.
O Foro Social pola Defensa do Pobo móstrase totalmente a favor da Declaración das Rías Baixas como Reservas da Biosfera e solicita a máxima axilización dos seus trámites de cara a súa posta en funcionamento no futuro, pero entende que mentres tanto, proxectos grave e irreversiblemente lesivos e totalmente incompatibles para esta futura figura de protección, para o medio natural e para os seus recursos mariños e marisqueiros, como representa a construcción do porto deportivo de Massó, no Salgueirón, hipotecarán no futuro os principios básicos e na práctica a susodita Declaración, polo cal demandamos do PSdeG-PSOE e do Goberno central a paralización inmediata e cautelar das obras do porto deportivo de Massó, en Cangas do Morrazo, máis aínda se ten en conta que o propio goberno galego recoñeceu unha tramitación irregular da súa concesión.
