ADEGA valora positivamente a intervención do Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel no Pleno do Parlamento Galego, pero esixe actuacións inmediatas para evitar danos irreparábeis nos ecoistemas fluviais e na Rede Natura 2000
Da comparecencia, ADEGA destaca tres elementos que, de confirmarse con feitos, suporán un verdadeiro cambio na xestión ambiental e a sustentabilidade na Administración.
1. A declaración da incineración como unha tecnoloxía obsoleta e hoxe en día superada, apostando por outros sistemas de xestión de residuos
2. A suspensión inmediata dos tramites de concesión de novas centrais hidroeléctricas e a negociación coas empresas para a paralización dos encoros en construcción. Revisión dos Planos hidrolóxicos e planos de sectorización.
3. Elaboración dunha Estratexia Galega de desenvolvemento Sostíbel partido da participación de todos os sectores sociais e que inclúa como unha das suas variábeis principais a prevención do cambio climático, particularmente na avaliación ambiental dos futuros planos e programas referidos a enerxía e transporte
Agora ben, ADEGA quere lembrarlle ao Conselleiro e ao conxunto da Administración que non abonda coas intencións. Hoxe en día estanse a desenvolver actuacións absoluamente contrarias ao manifestado polo Conselleiro, como poden ser a construcción ilegal dunha piscifactoria dentro do LIC de As Catedrais Rede Natura 2000) e expropiacións na Serra do Suído (proposta para inclusión na Rede Natura) para a construcción de parques eólicos
O Conselleiro manifestou na comparecencia a súa intención de ampliar e reforzar os espacios protexidos galegos en particular a Rede Natura 2000. Estas dúas agresións desdicen as súas palabras, posto que a Consellería non interviu en ningunha delas para proceder á súa paralización.
Foi ADEGA, no caso de As Catedrais, que paralizou as obras e interpuxo denuncia penal contra as mesmas, tendo actualmente a 12 dos seus membros en proceso xudicial por estes feitos. Tamén se botou en falta alusións á potenciación do Consello Galego de Medio Ambiente como organo principal de participación social, órgano deturpado no seu funcionamento e funcións polo anterior goberno, e que compriría fora reestruturado.
Outro tema sen tratar foi a Educación Ambiental, ferramenta absolutamente fundamental se se quere acadar, como indica o Conselleiro, a implicación de toda a sociedade na procura dunha sociedade sustentábel. Unha educación ambiental que contribúa a formar unha cidadanía consciente esixente e crítica na súa responsabilidade con respecto ao medio ambiente.
Ollando o conxunto da intervención, a valoración é positiva. Apúntanse intencións conformes ao que dende ADEGA se viña demandando nos últimos anos e faise especial fincapé na información e na transparencia das actuacións, aspecto básico para poder facer un control axeitado das actuacións administrativas.
ADEGA agarda a pronta traducción en feitos destas intencions e esixe, neste senso, a intervención inmediata da Consellería para evitar os danos irreparábeis que as minicentrais, determinados parques de tecnoloxía alimentaria e os planos de Parques eólicos na Serra do Suído están a causar, actuación que confirmarían irrefutábelmente o cambio na xestión medio ambiental deste país.
