28/10/ 2005

A celebración da Masa Crítica en Compostela cumpre un ano

Filed under: Denuncia

O mércores 26 de outubro cumpriuse un ano de celebración na cidade compostelá da Masa Crítica, unha iniciativa de carácter internacional en defensa do uso da bicicleta.No último mércores de cada mes, un grupo de ciclousuarios/as de Compostela xúntanse para realizaren un paseo colectivo en bicicleta. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), unha das impulsoras desta iniciativa en Santiago, sinala que deste xeito reivindícase "o papel da bicicleta como ferramenta de transporte e a súa centralidade nun proxecto de cidade sustentábel, humana e socialmente xusta".

 

ADEGA informa que "a Masa Crítica é unha "coincidencia organizada" de ciclousuarios/as na que se realiza un paseo colectivo pola cidade. O movemento tivo a súa orixe en San Francisco no ano 1992, estendéndose rapidamente a outras cidades. Actualmente hai máis de 350 cidades celebrando a Masa Crítica".

O nome de Masa Crítica provén da China, país no que os ciclistas a miúdo non poden cruzar as interseccións debido ao tránsito de automóbeis e á ausencia de semáforos. No cruzamento xúntanse cada vez máis ciclousuarios/as até acadaren un número (masa crítica) que lles permite deteren o tráfico e pasaren.

ADEGA coida que "Compostela sobrepasou amplamente a súa capacidade de absorción de tráfico motorizado. Adoitamos contemplar un día sí e outro tamén o caos provocado pola saturación de automóbeis: contaminación atmosférica, acústica, deshumanización das rúas convertidas nun espazo hostil no canto de ser un lugar de socialización da cidadanía…".

Perante esta situación, común tamén no resto das cidades do país, ADEGA fai un chamamento á cidadanía para avaliar as necesidades reais de desprazamento e o xeito de as realizar. Nese sentido, defende as posibilidades que ofrece a bicicleta, xunto co camiñar e o transporte público, para mellorar a calidade de vida das cidades. "A bicicleta non é unicamente un medio de transporte, é un elemento socializador, de saúde, liberador, divertido, que ademais contribúe á nosa mobilidade. É o instrumento fundamental para dar un xiro radical ás políticas urbanísticas e convivenciais das nosas cidades e vilas e, integrada co transporte público colectivo, solucionar os problemas que o automóbil particular está a ocasionar na nosa sociedade. Supón unha actitude vital, de respecto ao medio ambiente e ás persoas".

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2005/10/28/a-celebracion-da-masa-critica-en-compostela-cumpre-un-ano/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here