ENCE fai a seu agosto a costa dos incendios forestais mercando madeira queimada a baixo prezo
Moitos en Galicia se preguntan quen se beneficia dos incendios forestais que cada ano asolan, en aparencia irremediablemente, os nosos montes; quen fan o agosto a costa das perdas dos produtores de madeira e da sociedade no seu conxunto que ve como se degrada o solo forestal que, desprotexido despois dos lumes, coas chuvias do outono sufre unha erosión que o empobrece máis cada ano.Aínda que resulta evidente que son moitos os que se benefician, pódese afirmar dende logo que quen obtén o maior beneficio destes lumes e a empresa que, sendo o primeiro comprador de madeira de Galicia, está a pagar a baixo prezo a madeira dos montes queimados obtendo un suculento beneficio.
ENCE a través da súa filial forestal NORFOR, e outros rematantes particulares que mercan madeira no monte para logo venderlla á empresa pasteira, están a pagar aos propietarios particulares e Comunidades de Montes en Man Común prezos por baixo dos xa de por si minguados polo derrube que estas empresas teñen provocado; así, mentres polos eucaliptos de parcelas non queimadas se está a pagar, en pé, no monte, entre os 14 e os 16 euros por tonelada, a madeira queimada págase entre os 10 e 12 euros/tonelada o que supón unha merma no prezo medio de arredor do 30%, merma que, como sempre, ven imposta polos prezos que a empresa está a impoñer aproveitando neste caso a gran cantidade de madeira queimada que os numerosos incendios forestais deixaron no monte.
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR), solicita publicamente á Consellería de Medio Rural, que se leve a cabo unha retirada ordenada da madeira queimada dos nosos montes, garantindo un prezo razoable aos vendedores, para evitar que os aproveitados fagan o seu agosto a costa do que, sen paliativos, é unha catástrofe ambiental para todos os galegos e unha catástrofe económica para os produtores de madeira de eucalipto.
Dende sempre, tense comprobado que mentres exista un beneficio desmedido a costa dos incendios forestais, estes seguirán a se producir, sendo necesario, xa que logo, evitar que existan persoas ou empresas que como ENCE ou NORFOR obteñan un lucro dos mesmos. Pero ademais, a baixa dos prezos, xunto coa tradicional política de afundimento dos mesmos, impide que os produtores poidan realizar tarefas de mantemento e conservación de masas forestais co que estas, abandonadas, convértense en fontes de combustible que favorecerá a expansión de novos incendios.
Permitindo que se paguen prezos de miseria pola madeira queimada perxudícase tamén á imaxe do monte, á percepción que a sociedade ten dun recurso incapaz de xerar, non xa beneficios, senón os ingresos mínimos para a súa conservación; esta mala percepción é a causa da tolerancia que unha boa parte da sociedade amosa cos incendios e na que radica unha das raíces do problema.
A Consellería de Medio Rural, que se ten proposto mudar a política forestal cara á sustentabilidade, non pode deixar abandonados aos produtores de madeira de eucalipto en mans da empresa ENCE, xa que aínda que cada vez se extende máis entre os propietarios e as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común a conciencia de que é necesario un cambio na xestión forestal, este cambio implica un custe que é difícil cubrir cos beneficios que proporciona a tala de eucalipto, e moito máis en montes que sufriron incendios no verán cos prezos que se están a impoñer. Do contrario, as consecuencias serán que, en vez de optar pola reconversión ao cultivo sustentable de especies rendibles, moitos particulares, ao carecer de recursos para realizala, seguirán a abandonar os montes contribuíndo á proliferación de incendios no próximo verán.
Todo isto dentro dunha pendente de acelerada degradación e perda dos nosos solos forestais. Novas relacionadas:
Ence se cuela en Washington post; La Voz de Galicia el 20/11/2005. o ver el Washington post
