A Asemblea do Suído denuncia obras ilegais nun río por parte da empresa Eurovento, S.L.
En concreto, a empresa fixo unha ponte con dous tubos de formigón e logo recubriunos con cemento, para facer unha pista nova ata un punto na Serra do Faro de Avión para colocar unha torre de alta tensión, pertencente á nova liña de alta tensión entre esta serra e a Serra do Suído, proxecto que no seu día fora recorrido pola Asemblea do Suído debido ao seu impacto ambiental e paisaxístico.
A obra carece da autorización da Confederación Hidrográfica do Norte, ademais este organismo non permite o uso deste tipo de tubos, de pouco diámetro, pois provocan alteracións graves no curso do río polo seu efecto de barreira (tales como sedimentación, acoramento, variación do leito, aporte de limos e arxilas,…).
A ASEMBLEA DO SUÍDO REÚNESE CO DIRECTOR XERAL DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTÍBEL
Na reunión, o Secretario da Federación Ecoloxista Galega e o Delegado da Asemblea do Suído, solicitaron a protección inmediata da Serra do Suído e a súa inclusión na rede europea Natura 2000. Tamén manifestaron a súa preocupación pola proliferación na serra de proxectos mineiros, hidroeléctricos e eólicos, polo que pediron á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel a paralización de todos estes proxectos e a posta en marcha de medidas de prevención para preservar tódolos valores naturais presentes nos seus hábitats.
A ASEMBLEA DO SUÍDO FELICÍTASE POLO APOIO NO ÚLTIMO PLENO DO CONCELLO DE COVELO Á SOLICITUDE DE INCLUÍR A SERRA DO SUÍDO E A CABECEIRA DO RÍO TEA NA REDE NATURA 2000
A corporación municipal do concello de Covelo, aprobou na súa última sesión plenaria, solicitar á Consellería de Medio Ambiente a inclusión da Serra do Suído e da cabeceira do Río Tea na rede europea de espazos naturais Natura 2000. A moción foi apoiada por tódolos grupos municipais e demanda, ademais da inclusión destes dous espazos na rede, contactar cos outros concellos da Serra do Suído para secundar a proposta. Así mesmo, a moción fai fincapé nos valores naturais e patrimoniais destes lugares amais de salientar a necesidade de evitar obras nos mesmos que contribúan á súa deterioración.
