Grupos Ecoloxistas Entrevístanse co Director Xeral de Industria en relación aos parques eólicos da Serra do Suído


A Serra do Suído é o último espazo da Dorsal Galega libre de instalacións eólicas, cun alto grao de naturalidade, con presenza recoñecida de hábitats e especies de interese comunitario e prioritarios (é dicir, con perigo de desaparición, como as turbeiras altas e os estanques temporais, e aves como a rapina cincenta, a gatafornela ou a aguia albela, ademais os seus hábitats son idóneos para a futura recuperación da aguia real no lugar, tal como amosan as constantes visitas de inmaturos da especie na serra), motivo polo que a Consellería de Medio Ambiente ten decidida a súa protección mediante a inclusión na Rede Natura 2000, de acordo coa demanda de ampliación de espazos en Galiza feita pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Unión Europea, que considera pouco representados os hábitats turbófilos no noso territorio, demanda defendida por nós dende o principio da proposta de espazos a incluír na Rede (xa que inexplicabelmente a Serra do Suído foi excluída da proposta da Xunta de Galiza).
Precisamente por isto solicitamos a paralización dos proxectos eólicos e mineiros na serra, por considerar que é a derradeira oportunidade que temos para preservar a Serra do Suído, o espazo de media montaña mellor conservado de Galiza. Para esta conservación non vale con delimitar só os hábitats de interese comunitario, senón que hai que ter en conta a integridade do espazo e a súa interrelación.
Cando o novo goberno está a falar dunha nova política ambiental máis sensíbel cos espazos naturais, seguen existindo proxectos que poñen en perigo a conservación destes espazos polo que, de non actuar con premura, as medidas anunciadas chegarán cando xa non quede nada que protexer e non servirán máis que para acentuar o despropósito da política ambiental realizada ata hoxe en Galiza.
Pola nosa parte reclamamos unha maior coordinación entre as Consellerías de Industria, de Medio Ambiente e de Política Territorial de cara a protección de todo o noso patrimonio natural. Sería lamentábel que a política de conservación dos espazos naturais seguise limitada ao que poda quedar reflexado nos vídeos dos medios de comunicación.
Referencias na prensa
Ecologistas gallegos solicitan a la Xunta la paralización de los parques eólicos proyectados para la Serra do Suído [AGN 28/12/2005 19:20]
