Veciños de Touro e Vila de Cruces concéntranse para pedir a paralización das obras nos encoros do Ulla.
Veciños de Touro e Vila de Cruces concentraránse este mércores nas obras do encoro Nº2 do río Ulla para reiterar a petición de paralización destas obras e a falta de medidas tomadas tralo derrubamento de terras de fai case un mes. A concentración, que será ás 16.00 horas en Ollares (Vila de Cruces), está apoiada polos colectivos ecoloxistas ADEGA e COGADER.Hai xa case un mes que se produciu o derrubamento de terras nas obras dos dous encoros que Unión Fenosa está a construir no río Ulla. O motivo fora unha subida grande de caudal provocada pola apertura das comportas do encoro de Portodemouros, cinco quilómetros río arriba do encoro Nº1. Veciños e agrupacións ecoloxistas xa denunciaran no verán que non se estaban a cumplir as medidas recollidas na Declaración de Impacto Ambiental e que isto podía suceder, pero as súas queixas non foron escoitadas.
As consecuencias negativas deste desastre ecolóxico confírmanse pola aparción de troitas mortas no río e agravanse polo momento no que se produciu, xa que tén sido precisamente na época máis crucial na vida dos salmónidos: a desova. Con estas circunstancias, entendemos que tal actuación por parte de UNIÓN-FENOSA non pode quedar impune e tén que dar a unha actuación firme por parte de AUGAS DE GALICIA.
Así pois, con esta concentración, os veciños, case que un mes despois deste desastre ecolóxico, a reclamar de Augas de Galicia que se investiguen e fagan públicas as razóns polas que a empresa procedeu a apertura das comportas cando, de ningunha forma, pode argumentar que non tiña coñecemento das obras e das condicións en que se estaban a realizar. Reclaman os veciños ademáis que se obrigue á empresa á reparación dos danos ambientais producidos e á limpeza do cauce. E compre aquí, volver a recordar que estes dous encoros nos que se tén producido este desastre ecolóxico están afectados por unha sentenza do xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra que anulou a correspondente concesión de AUGAS de GALICIA: de xustiza sería, pois, e dende logo absolutamente prudente, que se procedese á paralización de tais obras entretanto non haxa sentenza definitiva por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Por outra banda, veciños e asociacións ecoloxistas seguen á espera de que AUGAS DE GALICIA informe sobre a resolución dos recursos de alzada presentados contra os proxectos das demáis minicentrais da cunca do Ulla, xa que, desde que foron presentados, non se recibiu ningunha información concreta ao respecto nen sobre estes, nen sobre os demáis aproveitamentos hidroeléctricos que o conselleiro anunciou que se ían a paralizar. Para os ríos de Galiza, para os nosos ecosistemas fluviais ningún millor regalo de Reis que sabermos que esa nova cultura da auga á que se tén comprometido o Conselleiro de meio Ambiente no Parlamento bota xa andar de forma concreta.
