Grupos culturais e ecoloxistas reúnense para actuar no caso de Pena Corneira


Amigos da Terra, a FEG (Federación Ecoloxista Galega), o Club UNESCO O Ribeiro, o Centro de Estudios Medievais e Ridimoas reuníronse onte en Ribadavia para tratar futuras accións conxuntas respecto ás canteiras sitas en Pena Corneira, que dende fai máis de dez anos veñen suscitando polémica pola súa localización nunha zona de alto interese xeolóxico, paisaxístico e histórico.
Pena Corneira, un espazo natural descoñecido pola maior parte dos galegos foi, sen embargo, admirado e estudado por moitos xeólogos. Xa dende o ano 1969 a Universidade de Delft e Leiden, en Holanda, enviou grupos de estudantes para coñecer as formacións xeolóxicas características da zona; entre eles, Salomón Kroonenberg, actualmente Catedrático de Xeoloxía do Departamento de Ciencias Aplicadas da Universidade Tecnolóxica de Delft (Holanda), quen levou a cabo numerosos estudos e defendeu sempre a necesidade de protexer este espazo polo patrimonio xeolóxico único no mundo que posúe.
A intención dos colectivos onte reunidos é entrevistarse no vindeiro mes de febreiro co Secretario Xeral da Comisión Española da UNESCO e o Embaixador Adxunto de España na UNESCO en París aproveitando a súa visita a Galiza.
Así mesmo, invítase a tódolos interesados neste tema a asistir á seguinte reunión convocada para o 8 de febreiro ás 20 horas na Casa dos Condes de Ribadavia.
