O modelo de organización e uso territorial de Galiza ten que facerse baixo o máximo respecto á súa rede de espazos naturais.
A moratoria eólica pode supoñer salvar áreas integradas en lugares tan recoñecidos coma a Serra do Courel, o Macizo Central de Ourense (Serra do Invernadeiro e Queixa), Serra de Buio (Xistral), a Serra do Xures, ou varios treitos da Costa da Morte (Cabo da Nave en Fisterra, proximidades de Touriñán en Muxía). Permite preservar varios hábitats de cumes de montaña (turbeiras, charcas temporais, e formacións arbustivas e de mato de distribución restrinxida) que viñan de sufrir nos últimos anos no ámbito territorial de Galiza un proceso grave de alteración e destrucción límite, debido precisamente a un desenvolvemento eólico que non tiña na práctica en consideración á importancia destes hábitats. Algunha das especies de flora e fauna galega máis ameazadas dependen directamente do bo estado de conservación destas áreas (Aguia real, bufo real, a lagartixa dos penedos, ou a particular biodiversidade de flora asociada a brañas e turbeiras), destacando tamén a destrucción de enclaves xeomorfolóxicos únicos (Serra do Xistral) e da paisaxe.
Dende a FEG recordámoslle ó goberno galego que é necesario corrixir as importantes deficiencias que presenta a Rede Natura 2000 en Galicia, producto do especial desinterese mostrado polo anterior goberno da Xunta que chegou ate o punto de situar a Galiza coma penúltima rexión do estado (so por diante de Melilla) na súa contribución a Rede Natura 2000. Esto derivou que varios espacios naturais galegos de notoria relevancia natural, e que cumpren sobradamente os criterios establecidos pola Directiva de Hábitats e de Aves para ser Rede Natura 2000, quedaran excluídos. Tal coma é o caso da Serra do Suído, Pena Corneira, o río Sor, Cabeceira do río Neira, Monte Goriscado (Muras) etc. Na fase de elaboración da proposta galega da Rede Natura tomáronse decisións inexplicables e á marxe de consideracións técnicas e obxectivas, primando aquelas supeditadas a intereses exclusivamente particulares de empresarios ben relacionados, sendo un dos casos máis soados o sucedido coa Serra do Suído. Para este espazo redactáronse os informes favorables para a súa inclusión na Rede Natura 2000 pero finalmente quedou fora dunha figura de protección legal para favorecer a posteriori a tramitación de permisos de grandes superficies de canteiras de granito e macro-parques eólicos. Curiosamente na actualidade a Serra do Suído é o único espazo natural relevante da Dorsal Galega que preserva en bo estado de conservación os seus hábitats de montaña fronte os incluídos en Rede Natura (Capelada, Xistral Careón, Candán, Faro, Cando) altamente deteriorados por unha inadecuada planificación eólica.
A FEG solicita a Industria e Medio Ambiente que a moratoria sexa aplicada tamén para o Suído e que sexa protexido conforme os seus importantes valores naturais e paisaxístico, así coma polo seu patrimonio etnográfico e cultural.
Agardamos que a nova sensibilidade mostrada para a Rede Natura 2000 en Galiza sexa o inicio para un deseño territorial equilibrado e racional, respectuoso tamén co patrimonio natural dos principais espazos galegos. En decembro de 2004 a Unión Europea aprobou os espacios incluídos na Rede Natura, momento dende o que se abre un período máximo de seis anos para que o goberno galego declare estas áreas coma Zonas de Especial Conservación de Europa e que a efectos provisionais xa son considerados coma tal. Galiza xa perdeu un ano dos seis establecidos para a súa aplicación, xa que no transcurso do 2005 non se aprobou ningunha medida relativa a outorgar a protección esixida por Europa. Durante este tempo o goberno anterior pretendeu axilizar autorizacións de proxectos en Rede Natura 2000 de elevado impacto e inimaxinables para o que se espera nun espazo natural protexido. O exemplo máis disparatado atopámolo no Cabo Touriñán e a macropiscifactoría que destruiría de xeito crítico, tal e como recoñece o Estudio de Impacto Ambiental, unha das paisaxes costeiras atlánticas mellor conservadas do sur de Europa. O novo goberno galego ten unha responsabilidade moi grande para a sorte e futuro do Cabo Touriñán, patrimonio común de tódolos galegos.
Referencias na prensa, premede aquí
