“Protexamos a Serra do Suído. Non aos cemiterios eólicos. Fóra canteiras do Suído”
Solicitamos que se inclúa na rede europea de espazos naturais Natura 2000 e que se declare como paisaxe protexida. Os seus hábitats son de interese comunitario, segundo a directiva europea 92/43/CEE (directiva hábitats) e moitos deles están catalogados como “prioritarios” (en perigo de desaparición) como os pasteiros con Nardus, os bosques aluviais de amieiros e freixos, os estanques temporais mediterráneos, os uzais húmidos atlánticos e as turbeiras. Precisamente as turbeiras (humidais compostos por turba), son un tipo de hábitat moi ameazado en Galiza, debido ao seu pequeno número e ás instalacións eólicas nas nosas serras máis valiosas.
En relación cos seus hábitats, convértese nunha das zonas máis importantes para as aves de rapina en Galiza, con presenza de numerosas especies (tamén declaradas de interese comunitario pola “directiva aves” 79/409/CEE) como: a aguia real, a aguia albela, a aguia caudal, o miñato abelleiro, a rapina cincenta, a gatafornela, o falcón peregrino, a curuxa das xunqueiras e o bufo real. Amais alberga unha das poboacións de lobo ibérico máis importantes de Galiza e de Europa, ao contar coa presenza de dous grupos familiares máis outros tres na súa contorna.
Sen embargo varios proxectos de parques eólicos e de explotacións mineiras, aproveitándose da falla de protección, poñen en serio perigo a conservación de tódolos seus valores ecolóxicos, debido a unha política de ordenación do territorio da Xunta de Galiza incapaz de conxugar os intereses produtivos cos ambientais.
INTERVIRÁN:
X. L. Méndez Ferrín (Escritor).
Ignacio Munilla Rumbao (Doutor en Bioloxía. Director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo).
Alexandre Cendón González (Delegado da Asemblea do Suído-Federación Ecoloxista Galega).
