O modelo de SOGAMA fai inviável a existencia de empresas recicladoras en Galiza
SOGAMA incinera máis do 90% dos residuos que xestiona. Logo de 9 anos de entrada en vigor do Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Galicia, que supuxo a implantación dun modelo baseado na incineración do lixo, os resultados son bastante negativos: a producción de lixo aumentou nun 23’7% (datos da Xunta) e os concellos están a pagar cada vez máis cara a xestión do seu lixo a SOGAMA, empresa que está a realizar un tratamento deficiente dos RSU.Segundo os datos do borrador do novo Plan de Xestión de RSU de Galicia, SOGAMA recupera apenas entre un 5 e un 10% dos residuos que xestiona; aliás, todos os outros residuos (na súa maior parte materia orgánica compostable) rematan nos fornos incineradores.
Sendo tan baixa a taxa de recuperación de lixo de SOGAMA, a existencia desta empresa fai imposíbel a existencia dun mercado da reciclaxe na nosa comunidade. Ante esta realidade, as declaracións do presidente da empresa (La Voz de Galicia, 25/01/06) “Sogama fomentará la creación de empresas de reciclaje en Galicia” sonan a excusa para xustificar o inxustificábel: SOGAMA lúcrase grazas ás enormes taxas que pagan os concellos.
Un novo modelo de xestión dos RSU, comarcalizado e baseado na reducción e na compostaxe permitiría a creación de empresas e postos de traballo no mercado dos residuos, mercado que hoxe é inexistente en Galiza debido á presenza de SOGAMA.
