04/02/ 2006

“A propósito de Touriñan II”

Filed under: Denuncia, Litoral

Vimos de escoitar por parte de varios persoeiros do goberno galego de rolda pola feira de turismo FITUR que será prioridade xestionar a conservación da paisaxe galega, e en particular a do litoral cun notorio destaque pola Costa da Morte. Declaracións na liña de coidar a paisaxe coma reclamo e eixo principal para unha nova estratexia de desenvolvemento de determinadas zonas galegas con potencial turístico. A paisaxe ten que ser entendida nun sentido amplo, que abranga a cultura, o ambiente, os espazos naturais, o pobo e a súa personalidade antropolóxica, o ritmo do tempo e a percepción da calma e tranquilidade dun entorno inalterado e/ou da fereza do Atlántico. Non se pode entender a Costa da Morte sen a conxunción de todos estes elementos, pois estamos ante o produto dun modelo de desenvolvemento con claras raíces no tradicional e que foi quen de encaixar no presente a cultura e a paisaxe coma elementos indisociábeis. O salto á modernidade entendida con complexos dá lugar á desconexión con todo o propio e coñecido destes lares, aliméntase da insustentabilidade e rompe coa diversidade dos valores establecidos. Entón esta modernidade, para quen se presenta realmente coma unha oportunidade?


A Costa da Morte necesita dun desenvolvemento integrador, cunha clara e consolidada estratexia de planificación e ordenación de usos, onde resulta moi importante contar co detalle de incluír os elementos diferenciais con respecto aos doutros territorios. O factor diferencial pasa por ser a marca e chave para o desenvolvemento, e polo tanto principal recurso a protexer. Pero hai que saber a priori como debemos deseñar para, en primeiro lugar, preservar todo o patrimonio que podemos ofrecer e do cal moito segue a ser descoñecido para os propios xestores, e despois executar un plan de accións perfectamente engrenado tanto no espazo coma no tempo. No caso da Costa da Morte non pode continuarse coa planificación a cegas e as inversións improvisadas e desartelladas doutras iniciativas, enrocadas no localismo, fóra de calquera análise de viabilidade e oportunidades, asentada na sangría da transformación irracional do territorio, e o máis grave, de costas ao principal valor e esencia deste entorno que non é outro que a súa paisaxe. O éxito da falsa modernidade radica en que a falta de previsións fai que o territorio sexa un pasto fácil para a usurpación, a especulación e a división do pobo, deixando nun horizonte de silencio a ferida da entrega, rendemento e resignación dos que se saben unha vez mais perdedores. Os mudos xestos nas facianas da xente de Touriñán expresan tal desalento.

Se finalmente o goberno galego dispón que o Cabo Touriñán é susceptible de ser transformado nunha máis que vulgar e disparatada paisaxe industrial, cabe preguntarse entón onde encadramos as numerosas declaracións realizadas en FITUR sobre a promoción da paisaxe e do litoral galego e da Costa da Morte. Que protexemos entón coma elemento diferencial e propio do litoral galego menos domesticado? Sóbranlle a Galiza entornos paisaxísticos coma o Cabo Touriñán? Esconderemos as nosas vergoñas ao igual que cando amosan en feiras e publicacións a imaxe trucada dun Cabo Vilán erguido sobre a megapiscifactoría e o parque eólico?

Ao longo dos concellos da Costa da Morte poderíase falar do proceso de “dinamitación turística” produto da xa falada planificación a cegas, pero paradigmático é o caso do Concello de Muxía. Ten ao seu favor unha espléndida costa de variados e moi ben conservados elementos paisaxísticos: Nemiña, Touriñán, Moreira, Cuño, Lourido, a Barca, e as augas interiores da súa ría. Fincado cara ao centro dun arco xeoestratéxico conformado polo Pindo, Cabo Fisterra, o propio Touriñán, Cabo Vilán e o Roncudo e Sisargas, nun impresionante xogo de paisaxes naturais que cada vez é máis escaso dentro da Europa Atlántica. A raíz do suceso do Prestige preténdese desenvolver un plan de recuperación económica no que se distinguen dous proxectos estelares. Un Parador Nacional de turismo, e varias piscifactorías en puntos excepcionais do seu litoral e na que sobresae a que pretende ser das máis grandes do mundo e concibida para o istmo de Touriñán. O do Parador Nacional presentábase coma unha interesante iniciativa e en certa medida oportunidade para deseñar unha nova oferta asentada na calidade turística que depara o entorno. Pero a propia posta en marcha do proxecto xa choca precisamente co que debe ser un aproveitamento sustentábel da paisaxe da Costa da Morte. En primeiro lugar, polo desacertada localización aproveitándose novamente dun ampla superficie sobre un espazo natural no rural e en parte incluído na Rede Natura, que destrúe o banco de terras que constitúe o fundamental soporte agrogandeiro dos veciños do lugar de Lourido, por non citar a afección paisaxística que levará a artificialización da enseada e Punta de Lourido. Curiosamente, outra vez máis baixo o prezo de 1 e 2 euros e a ameaza de expropiación xunto á obriga de cese das actividades gandeiras cheirentas, as molestas e insalubres, e que en bo grao supoñen o sustento da economía doméstica dos veciños de Lourido. Poderíase dicir que o cheiro do xurro non casa cunha fermosa tarde de golf sobre o atlántico galego. A posibilidade do Parador arrastrou un desmedido afán especulador de determinados promotores urbanísticos, en primeira e segunda liña de costa, anticipándose a calquera tipo de planificación de ordenación equilibrada, e acompañado dun sobredimensionado porto deportivo en augas de Rede Natura 2000 que foi financiado publicamente e sen axustarse a ningún estudo de viabilidade económica.

Por outra banda o contraditorio que resulta para a promoción turística do propio Parador a destrucción inevitábel do Cabo Touriñán. Unha lóxica e razoábel alternativa para mediar no conflicto xerado pola piscifactoría de Touriñán, e que suporía un auténtico revulsivo para a Costa da Morte e en particular para os propios veciños das aldeas de Touriñán e Campos situadas no inicio do saínte do cabo Touriñán, pasaría por reubicar o Parador por riba da aldea de Touriñán ao pé do Monte Gordo e quedando ademais perfectamente camuflado na paisaxe. O que sería o Parador máis occidental de Europa tería fronte a súa balconada unha paisaxe conformada por máis dun quilómetro da estreita península de Touriñán e o océano Atlántico. Oferta que podería consolidarse coa inversión nun plan de recuperación e excelencia do medio rural das dúas aldeas e das instalacións en desuso do Faro, servindo de complemento para ampliar as posibilidades de hospedaxe e restauración de todo o complexo logrado. A paisaxe, os productos procedentes da agricultura e gandería ecolóxica das hortas e prados do cabo, os percebes e pesca artesanal procedentes das augas de Touriñán poñen o acento da sustentabilidade nunha paraxe que está pendente de ser recoñecida coma Zona de Especial Conservación de Europa grazas a súa designación coma Rede Natura 2000.

Máis exemplos poderíamos atopar para integrar a paisaxe coma peso específico na planificación e ordenación do territorio da Costa da Morte, e que igualmente significarían un revulsivo cara a ampliación de oportunidades das xentes que viven neste espazo xeográfico e que lamentabelmente teñen que marchar lonxe dos seus.

Por cantos anos máis durará o secuestro da fervenza do Ézaro? Coma é posible que a baleeira de Caneliñas e o seu pequeno porto poida ficar baixo unha grande urbanización de luxo en primeira liña de costa no canto de constituír un centro museístico e que sen dúbida podería ter unha proxección internacional na contribución deste pobo na historia da pesca e navegación?

O cabo Fisterra pasa por ser un dos enclaves con maior número de visitas turísticas que recibe Galiza e por incríbel que pareza incapaz de forzar a pernocta do groso dos visitantes ante o que é unha auténtica miopía planificadora. Os chegados cruzan directamente ao faro sen a necesidade de entrar no centro da vila favorecido polas inversións centradas na consolidación dunha ampla estrada de acceso ó faro e un esperpéntico aparcamento. Que sucedería cun modelo de aproveitamento que restrinxira o acceso rodado ao faro coa única posibilidade de que os visitantes accederan ao mesmo camiñando ou con autobuses lanzadeira dende o porto de Fisterra?

O litoral do Cabo Vilán, Santa Mariña, Arou, Camelle e Traba caracterízase por unha importante falta de protección, nunha área que coma mínimo merecería a distinción de Parque Natural. Acompañado doutro exemplo grave e desacertado neste caso sobre o litoral rochoso situado entre Camelle e Mordomo (Traba), único treito da costa peninsular que se preserva sen vías de acceso aos vehículos en case tres quilómetros e que constitúe unha área residual da paisaxe da Costa da Morte libre do urbanismo, área que pende dun fío ante a previsión da Demarcación de Costas e das autoridades municipais de Laxe, Vimianzo e Camariñas de abrir unha pista de acceso que comunique os dous extremos.

As Illas Sisargas, un dos espazos naturais de máis importancia ecolóxica de Galiza coma reserva ornitolóxica e mariña, sálvase en parte precisamente polo seu abandono e complexa accesibilidade. Algúns opinan que este esquecemento é a mellor xestión que pode ter este espazo. Tal vez sexa así, se temos en conta a política de conservación aplicada ate o de agora noutras áreas protexidas da costa galega, pero a medio e longo prazo esto parece unha medida moi feble e incapaz de frear lentos procesos de degradación ecolóxica que nela se dan. E necesario blindar este espazo con garantías de futuro forzando a mellora da información científica e de xeito continuado no tempo, e a figura coma Reserva Integral dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas podería ser un bo camiño para acadar estes obxectivos.

Queda moito que facer na Costa da Morte e é necesario máis que nunca unha revolución conceptual na posta en marcha de modelos capaces de conciliar a conservación do patrimonio coa de poder ser aproveitados de xeito mais xusto e verdadeiramente sustentábeis.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/02/04/a-proposito-de-tourinan-ii/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here