Informe da andaina en defensa do bidueiral de Montederramo
Na andaina organizada polo CDMG os días 11 e 12 podemos comprobar como o valado é unha barreira infranqueable para unha boa parte da fauna, illando o mellor ecosistema con que conta o Macizo Central Ourensán, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) integrante da Rede Natura 2000. A valía ecolóxica deste espazo está máis que acreditada posto que dos nove hábitats naturais nel recoñecidos tres son prioritarios (Directiva 92/43 CEE).
A construción de camiños para a instalación do peche fan que exista unha forte erosión, factor agravado polo uso de todo tipo de vehículos sen ningún tipo de control.
Parte da flora existente dentro do peche sofre danos pola carga existente de caza maior así como a perda de biodiversidade pola impermeabilización que supón a malla cinexética, 175 especies diferentes (dados da Sociedade Galega de Historia Natural). A deixadez da empresa adxudicataria da explotación TECSAGES fai que incluso os puntos de carga de auga en caso de incendios están abandonados.
Nas reunións mantidas polo CDMG co Delegado de Medio Rural e Delegado de Medio Ambiente comunicóusenos a disposición da empresa a eliminar o valado.
Dende o Comité informamos aos dous Delegados que: ademais da eliminación do valado (peche) realizado con fondos públicos, débese de proceder a restauración recuperación das zonas degradadas polas obras acometidas pola empresa TRAGSA.
É preciso cambiar de ubicación a explotación cinexética por estar no espazo de máis valor e máis sensible de todo o futuro Parque Natural do Macizo Central Ourensán, non é compatible a caza neste pequeno recuncho coa súa conservación.
Que se debe de declarar Parque Natural o Macizo Central o máis axiña posible.
Que as actuacións que se realicen a partires de agora en calquera espazo natural debe de facerse respectando a normativa medioambiental, sendo o caso do Bidueiral de Montederramo un anacronismo impensable no comportamento das Administracións Públicas en calquera outro territorio da Unión Europea, houbo unha deixadez premeditada por parte do anterior Goberno da Xunta de Galicia que permitiu a especulación e o deterioro dun ecosistema de valor incalculable.
Dende o Comité imos a elaborar un dossier sobre as actuacións no Bidueiral que entregaremos en poucos días ás Administracións Públicas.
Reiteramos a necesidade de aproveitar de forma responsable os nosos recursos, así como a imprescindible implicación do conxunto da sociedade mediante os seus representantes para deseñar e elaborar os Planos de Desenvolvemento Sostible (Parques Naturais, Planos Estratéxicos, actuacións locais dos concellos…).
