A ILP ENTRA NO PARLAMENTO
PROPOSICIÓN DE LEI DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR PARA A PROTECCIÓN, CONSERVACIÓN E MELLORA DOS RÍOS GALEGOS
Exposición de motivos
Os ríos galegos caracterízanse por unha elevada biodiversidade dentro do seu contexto ibérico e europeo. A súa grande biodiversidade e porcentaxe de endemismos outórganlle un valor excepcional na actual situación mundial de crise ecolóxica. Nos ríos galegos viven perto de 400 especies endémicas de invertebrados, e neles descubríronse perto de 80 especies novas para a Ciencia. Alias, os ríos xogaron un papel transcendental na economía tradicional e na conformación das características socio-culturais e psicolóxicas do pobo galego.
Estas funcións seguen vixentes na actualidade, aínda que modificadas, xa que o alongamento entre a sociedade e a natureza orixina novas necesidades. Como resposta, xorden novas actividades económicas relacionadas co goce da natureza, a través do deporte, o lecer, o coñecemento ou o turismo, mais que poden verse impedidas polo uso enerxético abusivo. As paisaxes de Galiza están determinadas polos seus ríos. A auga e os ríos tiveron desde sempre un alto valor simbólico na Galiza, significando hospitalidade, fraternidade, e fonte de vida no sentido máis amplo. Arredor dos usos tradicionais da auga xurdiron relacións sociais e culturais integradoras, que permanecen na forma de recursos histórico-culturais e etnográficos. Mais os ríos atópanse hoxe en perigo. A alteración física, debida sobre todo ás presas hidroelétricas, a perda e degradación dos hábitats, a invasión das zonas de inundación por todo tipo de construcións, a sobreexplotación, a contaminación e a introdución de especies non nativas, son os factores que máis contribúen á diminución da súa biodiversidade. Os mencionados recursos socio-culturais corren a mesma sorte que os ríos. As presas hidroeléctricas fan que mais do 70% dos nosos leitos fluviais sexan inaccesíbeis ás especies migratorias. O salmón é un bo indicativo da perda de poboacións nos nosos ríos: nos últimos 50 anos, as súas existencias reducíronse en máis dun 99%. Danse casos frecuentes e xeneralizados de contaminación orgánica, que afectan permanente ou temporalmente a máis do 80 % da rede hidrográfica galega. Tamén é preocupante a contaminación por substancias químicas. Introducíronse de forma intencionada (pesca deportiva) ou accidental (acuariofilia, comercio…) especies exóticas que causan graves problemas. A alteración física do hábitat é o principal impacto sobre os nosos ríos e ecosistemas de auga doce:
eliminación de zonas de inundación, destrución das brañas e mananciais, dragados, canalizacións, aproveitamentos hidroeléctricos, e mesmo algúns paseos e praias fluviais. As infraestruturas hidroeléctricas son responsábeis das principais afeccións aos ríos galegos. Galiza, con tan só o 5% do territorio e o 7% da poboación, xera o 25% de toda a electricidade de orixe hídrica do Estado español. O 34% da electricidade xerada en Galiza vai fora do país, expórtase, cunhas perdas no transporte que superan hoxe a toda a produción eólica en Galiza.
Esta sobreprodución non redundou nun mellor abastecemento aos pobos e comarcas galegas. Os principios de prevención, de avaliación de impacto ambiental, de información pública, de participación cidadá, de educación ambiental…; nos que se basea a Lei 1/1995 de protección ambiental de Galiza non se teñen materializado no caso dos ecosistemas fluviais.
Diversos aspectos da Lei 7/1992 de pesca fluvial de Galiza están a ter unha aplicación deficiente, ao igual que a normativa de avaliación de impacto ambiental, sendo manifesta a necesidade de avaliar o impacto global de planos e programas mediante unha avaliación estratéxica dos mesmos. Por outra banda, en 2000 aprobouse a Directiva Marco da Auga (DMA), Directiva 2000/60/CE, que establece un novo modelo de xestión da auga, de obrigada referencia, e ordena previr calquera nova deterioración dos ecosistemas acuáticos e atinxir como mínimo o bo estado de todas as augas no horizonte do ano 2015. O estado actual dos ríos galegos alóngase moito do obxectivo de bo estado, o que fai necesario un plan de acción para corrixir esta situación. Como lexislación marco, a directiva establece un modelo de xestión e uns obxectivos comúns a nivel europeo, que deben ser alcanzados a través de medidas adoptadas a nivel estatal ou local. Nese sentido, o Estatuto de Autonomía de Galiza atribúe as competencias de protección e ordenamento ambiental á administración autonómica, polo que da DMA se derivan novas obrigas para o noso país para avanzar na xestión racional e sustentábel da auga.
