Ciclo ecoloxista no Cineclube
Luns: Vídeos verbo do encoro de Itoiz (Euskal Herria, 1999-2003).
No val de Irati (Navara, Euskal-Herria) construiuse un enorme encoro que fixo desrrubar multitude de aldeas e pon en risco a seguridade da poboación augas abaixo do mesmo. A plataforma Solidari@s con Itoiz realizou tres filmes que nos amosan a traxectoria das mobilizacións. No primeiro deles, dá conta dunha sabotaxe realizada pola devandita organización, que danou as obras gravemente e paralizouna de xeito provisorio. A segunda fita, amosa a campaña da organización realizada por toda Europa denunciando a gravidade do proxecto. A terceira, co muro do encoro xa construído, testemuña o desaloxo, á forza, da poboación do lugar e a destrución de vivendas e aldeas da zona.
Martes: As estacións (Artavedz Pelechian, URSS, 1975), Na metade do intre (Middle of the Moment, Nicolas Humbert / Werner Penzel, Alemaña / Suíza, 1995).
Nesta sesión, o cinema colle maior protagonismo. Os filmes, moi coidados estilisticamente, tratan coa imaxe distintos xeitos de convivencia coa natureza: o dos gandeiros armenios no primeiro caso, e da tribo dos Tuareg, no Sáhara, no segundo.
Mércores: Prestige, viaxe cara a ningures (Prestige, el viaje a ninguna parte, Joan Codina Satorras, Catalunya, 2004, VO),
O bosque desanimado (Galiza, 2002), A dúas velas, de Hai que botalos! (A dúas velas, Quique Otero, Galiza, 2005, VO)
Na derradeira sesión miramos para a casa, para os estragos que se fan no nosos entorno máis inmediato: presentamos tres curtametraxes que atinxen a distintas problemáticas que afectan a integridade do medio natural galego. Marea negra, destrución do bosque autóctono e expolio enerxético da Galiza respectivamente. Estas curtametraxes darán pé a unha mesa redonda, na que participarán diversos membros de organizacións ecoloxistas, especialistas medioambientais e o público asistente, que tratará a problemátiva enerxética da Galiza a partir da recén aprobada Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) verbo dos ríos galegos.
Horario: 6 de marzo de 2006 – 8 de marzo de 2006, as 20:30
Lugar: Facultade de Bioloxía Campus Sur. 15782, Santiago de Compostela Teléfono: 981 563 100
Prezo: De balde
