08/04/ 2006

Carta ao Presidente Touriño

Filed under: Litoral

Estimado Señor: Por medio da presente dirixímonos a Vde. co fin de reclamar a súa atención sobre os feitos que están afectando gravemente á costa de Galicia, especialmente ás Rías Baixas, e tendo como negativos exemplos o que está a acontecer nos concellos do Morrazo.

Como sabe, Sr. Presidente, o uso e o coidado que unha sociedade dá ó seu territorio reflexa a súa situación, a súa sensibilidade e a súa cultura, a súa capacidade de adaptación…: o seu ser.
 
Galicia ten unha das costas máis ricas, variadas e fermosas de Europa, que sustentan no material e espiritual a un pobo volcado ó mar. Durante as últimas décadas estas costas están sufrindo cambios vertixinosos; a construcción voraz e o desenvolvemento especulativo e o afán privatizador esténdense rapidamente polas marxes das rías e praias, chegando incluso ás beiras dos cantís, inundándoas de casas, chabolas, estradas, tendidos, portos deportivos, etc… nunha descomunal desorde. Incluso zonas apartadas e ata fai pouco virxes son ocupadas no vran por multitudes de visitantes que sen que nada o impida chegan co seu coche ata a beira mesma do mar, degradando a vexetación e os areais e enchendo o litoral de lixo.
 
A lista de problemas non remata aquí: a contaminación das augas por vertidos urbanos e industriais, os aterramentos, a degradación dos ecosistemas terrestres, etc., son cuestións que a todos soan, non é necesario esgotar o rosario de problemas para facer un diagnóstico sombrío: o noso litoral está en crise.
 
Fronte a estes problemas pouco se ten feito.
 
Certamente hai casos puntuais meritorios, como a declaración do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ou os pasos dados polo seu Goberno para permitir a primeira Reserva mariña de Galicia fronte as costas de Carnota, ou a paralización das Normas de algún concello dos muitos que non cumpren a Lei; pero o que campa as súas anchas é a tolerancia, a desidia, o populismo barato de votos para hoxe e fame para mañan, e a impresión, espallada na cidadanía, de que case todos os responsables políticos consideran o seu cargo non como un servicio ós cidadáns co que velar polo ben e o patrimonio comúns senón como unha plataforma para facer negocios, promocionarse politicamente ou servir a intereses particulares.
 
As rías son ecosistemas naturais que teñen un valor ambiental e económico, ademais de cultural, incalculable; e calquera actuación sexa da Administración que sexa debe ser respectuosa con eses valores e escrupulosa no cumprimento da Lei, primando o interese social por enriba dos intereses particulares.
 
A postura das Administracións Públicas, Sr. Presidente, non debe ser a de escorrer o bulto ou competir por ser quen menos protexe, senón a de garantir a conservación dun patrimonio que debe ser orgullo de todos e todas.
 
Por tal motivo, os abaixo asinantes, que representamos a diferentes colectivos ambientais, culturais e sociais da Comarca do Morrazo, apoiados por outros de outros puntos da xeografía galega, pedímoslle:
 
1. A inmediata paralización cautelar do Expediente de construcción do Porto Deportivo de Massó, en Cangas, e ordene unha investigación das irregulares actuacións administrativas levadas a cabo pola Autoridade Portuaria de Vigo, que están a causar un gran malestar social entre os mariñeiros e o pobo de Cangas, foron motivo xa de dúas preguntas Parlamentarias e están provocando manifestacións e a paralización das obras por parte dos veciños dende hai mais de seis meses.
 
2. A recuperación da fermosa praia urbana de Pescadoira en Bueu, gravemente danada pola ampliacion do porto de Bueu e amenazada por continuos recheos.
 
3. O estudio de posibilidades técnicas para deter o basculamento da praia de Beluso, xa anunciado coa construcción do superfluo porto realizado por Cuíña. Que se estudie como posibilidade o desmantelamento de dito porto.
 
4. O prometido peche de ENCE en Lourizán e a pronta rexeneración ambiental da zona.
 
5. Unha moratoria na construcción de portos deportivos e recheos portuarios, en tanto non se estudien os impactos e as súas repercusións sobre os ecosistemas mariños e estean construídos en base as criterios de sostibilidade, necesidades reais e non a intereses especulativos. Débese facer unha planificación conxunta das rías e un adecuado seguimento posterior, no Porto de Marín se fixeron recheos dunha superficie seis veces maior da aprobada e en Vigo, o ilegal e pernicioso recheo de Bouzas non para de aumentar.
 
6. O máximo control sobre a planificación urbanística dos concellos do Morrazo e Rías de Pontevedra e Vigo, rexeitando crecementos fantasiosos, orzamentando servicios e saneamento adecuados a poboación actual e prevista, e salvagardando os valores naturais, paisaxísticos e medioambientais.
 
7. Sensibilidade e accións rexenerativas que axuden a encaixar o alto impacto provocado polo Corredor do Morrazo e a Variante de Marín. Promoción e protección do bosque autóctono (Carballal de Coiro e Montes do Morrazo como enclaves senlleiros). Medidas contra a usurpación de terreos comunais e respecto a idiosincrasia e o patrimonio sociocultural.
 
8. O afianzamento da liña de 200 metros de Solo Rústico de Protección de Costas da LOUG, en espazos de relevante valor ecolóxico, xeolóxico e patrimonial, como por exemplo o monte do Ramil e a Carballeira de Castroviejo na parroquia de Tirán, concello de Moaña.
 
9. Que se inicien os trámites para a inclusión no Parque Nacional das Illas Atlánticas dos territorios continentais de Costa da Vela (Cangas), Cabo Udra (Bueu) e Illa de Tambo (Marín), que ofrecerían unha nova perspectiva do espacio, novas posibilidades para unha xestión máis eficaz e despexarían a dúbida de calquera posible acción especulativa no futuro.
 
10. Que se definan e regulamenten coa maior premura as zonas da Rede Natura 2000 de Udra, Costa da Vela e Enseada de San Simón e que mentras non se leve a cabo esa regulamentación se aplique a normativa europea de Redes Natura co máximo rigor nas zonas declaradas e nas súas areas limítrofes.
 
11. Se inicien os trámites, tal como manifestou Vde. en algún momento, e figura no programa electoral do PSdeG – PSOE, para a declaración das Rías Baixas como Reserva da Biosfera, o que contribuirá sen dúbida a súa proxección internacional, a un desenvolvemento ben entendido e construído coa participación de todos e todas. Saiba, Sr. Presidente, que contará co noso apoio para estas iniciativas e outras que poida tomar co fin de preservar o valioso patrimonio natural que representan as Rías e as súas costas.
 
Reciba un atento saúdo
Plataforma Anduxía (Bueu),
Foro Social de Cangas,
Luita Verde (Morrazo),
Amigos do Morrazo Verde (Morrazo),
Cooperativa Cíes-Artesanais (Morrazo),
Confraría San Xosé (Cangas),
Asoc. Cultural “A Tiradoura”(Cangas),
Natura Céltica (Cangas),
Asoc. Cultural Ronsel (Seixo),
Cimo-Castelao,
Colectivo Nacionalista de Marín,
Comunidade de Montes en Man Común de Darbo (Cangas),
Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón,
A.A.V.V. “O Tombo” (Ardán)
Grupo Anduriña (Cangas),
Xestora pola recuperación dos montes en man común de Aldán (Cangas),
Asociación Pola Defensa da Ría APDR (PONTEVEDRA),
Plataforma Pola Defensa da Ría- Cíes ( Vigo),
 
E o apoio de :
Voces Polo Litoral de Teis (Vigo),
Salvemos Monteferro (Nigrán),
ADEGA

1 Comment »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/04/08/131/trackback/

  1. Carta ao Presidente Touriño

    Por medio da presente dirixímonos a Vde. co fin de reclamar a súa atención sobre os feitos que están afectando gravemente á costa de Galicia, especialmente ás Rías Baixas, e tendo como negativos exemplos o que está a acontecer nos concellos do …

    Trackback by chuza.org — 09/04/ 2006 @ 19:53

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here