A “APDR” analiza a saída de “Caixa Galicia” da presidencia de “ENCE”.
1º.- Para a “APDR”, este cambio no accionariado para nada vai facer mudar a situación pola que atravesa o complexo de ENCE en Lourizán nen a nosa posición contraria á continuidade da súa actividade industrial na nosa Ría. ENCE segue sendo unha empresa condeada por delicto ecolóxico, que continúa incumprindo a lexislación en materia de vertidos á Ría e que nen sequera cumpre a autorización de vertido outorgada por “Augas de Galicia” no ano 2003.
2º.- Con independencia de quen obstente a maioría do accionariado e a presidencia da empresa, o goberno galego ten a obriga de cumprir o seu acordo de goberno verbo da empresa ENCE, un acordo que supón a desaparición da fábrica da súa actual ubicación na Ría de Pontevedra.
3º.- Para a “APDR” a saída de Caixa Galicia da presidencia de ENCE non é en absoluto casual; trátase dunha decisión perfectamente estudada desde a cúpula da entidade financieira, que tiña en ENCE un atranco importante nas súas relacións co actual goberno da “Xunta de Galicia”. Non se debe descartar tampouco que detrás desta nova situación agochen as aspiracións do Sr. Méndez a presidir unha hipotética “caixa galega úneca” resultante da fusión das duas hoxe existentes no país.
4º.- Doutra banda, tamén a “Xunta de Galicia” pode ter agora as mans máis libres para afrontar o tema ENCE, pois é indubidabel que non son o mesmo as relacións coa Caixa que coa empresa do Sr. Arregui.
5º.- En calquera caso, hai que salientar o fracaso de Caixa Galicia – e o do proprio Sr. Méndez – que non foi quen de conquerir nen a consolidación de ENCE en Lourizán nen moito menos a súa ampliación co proxecto pomposamente denominado “Tisú de Lourizán”.
Desde a “APDR”, que considera imprescindibel a desaparición inmediata do complexo ENCE-ELNOSA para que o saneamento e a recuperación da Ría sexan posibeis, seguimos exixindo da “Xunta de Galicia” que acometa o problema dunha vez por todas e que o faga pensando no interese social, no interese da inmensa maior parte da poboación galega, e non coa vista posta no exclusivo interese da empresa e dos seus proprietarios.
