A FEG e o Estatuto
FEG
O novo estatuto de Galiza: Un compromiso galego coas seguintes xeracións.
Bos días señor presidente da Comisión, e demais integrantes da mesma. A FEG agradece o convite formulado para participar nesta comisión de estudo de reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza.
O que vai ser o novo estatuto de Galiza conterá no seu articulado con case toda seguridade á inclusión do principio da protección ambiental e da sustentabilidade, dando resposta á cada vez maior responsabilidade e preocupación dos galegos pola preservación do seu medio natural e paisaxístico, a contaminación, o uso eficiente dos recursos naturais ou, entre outros moitos, a ordenación racional do territorio. É necesario incorporar un recoñecemento explícito das políticas e accións ambientais, no documento referente do que vai ser o modelo de organización do noso país, contemplando aspectos non abordados historicamente noutros procesos estatutarios galegos.
No proceso que se abre para a elaboración deste novo estatuto, convidámolos a facer unha reflexión sobre o alcance das implicacións dunha coherente política ambiental e de sustentabilidade, e na que se debe recordar, que tamén o pobo galego é co-responsable dun dos principais problemas do presente e futuro inmediato da humanidade, a crecente crise ambiental global do planeta.
O Cumio da Terra de Río de Xaneiro, no ano 1992, é unha das datas de referencia para recoller o compromiso intergubernamental para loitar e poñer freo, ó progresivo deterioro da terra, á deficiencia no uso dos recursos naturais e o incremento das desigualdades, e na que se puxo de manifesto que non é posíbel continuar co ritmo de explotación dos recursos e da xeración de contaminación a tódolos niveis. De continuar así, a capacidade do planeta para dispensar un crecemento económico a velocidade actual quedará moi comprometida no futuro das vindeiras xeracións, ao igual que a capacidade de resposta de amortecemento e autorregulación ante os grandes cambios ambientais.
Recordar que neste Cumio da Terra concretáronse 5 grandes frontes de acción ante a problemática ambiental do planeta, e coa finalidade de embarcarse nun esforzo conxunto e constante para acadar os obxectivos acordados nel. Pode dicirse, que na actualidade estes cinco campos de acción debuxan o rumbo a seguir no deseño da política ambiental europea.
Falamos da: Declaración de Río sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento, Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, Axenda 21 e Desenvolvemento dos principios sobre o manexo, a conservación e o desenvolvemento sostible dos bosques.
Na antesala desta situación, os países occidentais temos que asumir a responsabilidade da dirección collida, e na que non estamos sendo capaces de renunciar ó vertixinoso estilo de vida dun consumismo imparable e despilfarrador, e tan pouco eficiente coma xusto co resto dos habitantes do planeta. Un informe do Club de Roma, de finais dos noventa, cita que se tódolos países do mundo lograsen acadar o modelo occidental de vida sería necesario dispoñer de 250 veces os recursos que ata agora consumismos, máis ou menos o equivalente a 3 planetas Terra. No ano 1987 o documento da Comisión Bruntland da ONU “O noso futuro común” acuña por primeira vez o concepto “desenvolvemento sustentábel”, referíndose á necesidade de cambiar o rumbo da humanidade nas súas relacións co contorno que habita e da inviabilidade do crecemento ilimitado e acelerado. O principio inspirador deste concepto atópase na actualidade deturpado, por un uso á lixeira e interesado, ademais de abusivo, para precisamente enmascarar todo tipo de desenvolvemento aínda que este sexa oposto ao que é a sustentabilidade.
Hai moitas referencias que nos están a indicar que a crise ambiental global é un feito real e que non debe ser tomada á lixeira, non se trata aquí de facer unha exposición detallada dos mesmos, mais coidamos de interese escoller algúns breves exemplos que permitan refrescar a dimensión do problema e axudar a encaixar no proceso de elaboración de reforma do novo estatuto a importancia das cuestións que hoxe lles expoñemos.
Por exemplo, o Panel Intergubernamental da ONU sobre Cambio Climático sinala que durante o século XX a temperatura media subiu 0,6 grados e o nivel do mar ata uns 20 cm. En menos de 50 anos o resultado previsible é un incremento promedio de polo menos de 3 a 5 grados. En clave galega esto pode traducirse que nese período, a productividade biolóxica das nosas rías quede exposta a cambios significativos, debido a desviación dos afloramentos mariños ricos en nutrientes, ocasionados por unha lixeira variación na circulación das correntes atlánticas. E estamos a falar dun escenario xeográfico motor económico do noso país. Entre o ano 1990 e o 2001 Galiza aumentou nun 27% as súas emisións de gases causantes do cambio climático, sendo esta cifra un moi bo indicador do carácter ecoloxicamente insostíbel das políticas actuais, en particular a das políticas enerxéticas e de transporte. Xunto a estas emisións, destacar tamén que Galiza é un dos países europeos que máis aumentou as súas emisións de gases efecto invernadoiro dende 1990, que no conxunto da UE diminuíron nun 2,3%.
O informe “Perspectivas do Medio Ambiente Mundial 2002”, elaborado no marco do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, indica que a escaseza de auga afectará a máis da metade da poboación mundial en menos de tres décadas. “Este problema estase a converter nunha das máis dramáticas ameazas ambientais e que xa afecta a máis de 1.000 millóns de persoas, das que morren unhas 30.000 diarias por enfermidades derivadas de auga malsana”. Galiza é un país que en certo modo pode considerarse privilexiado no tocante a dispoñibilidade de auga potable, máis os numerosos episodios de contaminación e mal uso que facemos deste recurso, amosan un comportamento xeralizado de despreocupación por parte do groso da cidadanía e os nosos gobernantes. O custe económico que vai supoñer a recuperación de masas de auga contaminadas en territorio galego, no futuro próximo, vai ser excesivamente superior ao custe que na actualidade é necesario inverter para preservar a calidade das mesmas. A política de inversión para a xestión da auga realizada nos últimos anos foi tan calamitosa, que nestes momentos Galiza non é capaz de calcular cal foi a recuperación de custes e beneficios de cada un dos euros invertidos nesa xestión, en base ás directrices impostas pola Directiva Marco da Auga, e con herdanzas como a multa da depuración das augas residuais que recibe a Ría de Vigo. Claro está, que sen unha política integral de planificación territorial e uso dos recursos decidida e coherente pouco se pode facer.
Segundo o Fondo Mundial para a Natureza (WWF), cada ano desaparece unha superficie de bosque equivalente á de Grecia, 20 veces a de Galiza, a un ritmo aproximado de 5.000 m2 por segundo, e coa conseguinte extinción dunhas 300 especies de animais e vexetais cada semana (a maioría antes de que se descubran). Segundo a ONU, a extinción actual de especies prodúcese a unha velocidade de mil a dez mil veces máis rápida que as grandes extincións anteriores coñecidas. A afirmación en boca de moitos científicos de que “nos estamos suicidando ecoloxicamente” non pode ser máis clara. A perda da biodiversidade local é un moi bo indicador sobre o que pode estar a acontecer por estes lares. Para o noso caso, citar o diagnóstico realizado por un comité de expertos adscritos ás universidades galegas sobre ,a situación da flora e fauna, a xea e dos lugares de interese natural, publicado polo Consello da Cultura Galega en 2004 baixo o título “A Natureza Ameazada”. Di que alomenos 300 especies están seriamente ameazadas en Galiza pola acción do home. Resulta moi ilustrativo amosar o proceso de desaparición de dúas especies emblemáticas presentes no noso territorio, coma son o arao e a pita do monte. No caso do arao, polo ano 1960 estimábase unha poboación de aves reproductoras duns 3000 exemplares, para xa no 1980 rexistrar menos dun cento, en 1991 entre 20-25 parellas, no 1998 sobre 12, e no 2005 ser o primeiro ano no que xa non nace ningún novo exemplar nas nosas costas. Coa pita do monte, no ano 1972 estimábanse uns 30 machos principalmente en Ancares, pero tamén no Courel, en 1981 de 20 a 25, en 1987 contabilizarse entorno a 14 machos e no 1996 ningún. A situación para outras dez especies de aves reproductoras galegas, axeitados indicadores ambientais debido aos seus requirimentos ecolóxicos, atópase nunha tendencia semellante. Poderíamos citar tamén, a grave reducción da superficie de zonas húmidas interiores galegas, a progresiva perda das carballeiras atlánticas, e dos sistemas agrosilvopastorís tradicionais, unidades que son verdadeiros centros de biodiversidade e de complexa estructura ecolóxica da que teñen que pasar centos de anos para a súa formación. Preocupante é que os cidadáns non coñecen as implicacións directas que teñen nas súas vidas o mantemento ou perda da biodiversidade xenética.
Estes son uns dos moitos motivos que se poderían expoñer para facer unha aproximación dos cambios ambientais ós que nos expoñemos, e como poden influír por outra banda na nosa calidade de vida e das próximas xeracións. O vixente estatuto, do ano 1981, reflexa unha sociedade na cal non existía aínda unha palpable preocupación polos problemas ambientais, e tal vez máis pendente aínda das liberdades democráticas do pobo. Tan só no artigo 27, referido ó apartado das Competencias en Galiza, se menciona xunto as competencias na xestión de montes e forestal, das augas e da ordenación do territorio, a capacidade para aplicar “normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos expostos no artigo 149.1.23 da Constitución”.
A incorporación dunha nova base conceptual sobre o futuro común da humanidade e as súas relacións co contorno no que habita, xa está imbricada en moitas das políticas e responsabilidades asumidas por gobernos, e neste caso a reforma do novo estatuto galego non pode ficar alleo, e debería incorporar un destaque dentro do mesmo, co obxecto de plasmar o compromiso do pobo galego. Debe ser un documento que contribúa a normalizar e recoñecer que a protección do ambiente debe ser unha cuestión transversal a calquera política de xestión que coma producto da súa aplicación poida ter efectos sobre calquera aspecto relacionado coa saúde e calidade ambiental. É dicir, visto dende unha perspectiva estricta a proposta incumbe a todas as decisións de vertebración que coma modelo de país pode facer un pobo, e coma tal debería quedar reflectido no articulado das diferentes normativas xeradas, así como das súas previsións de aplicación. Tense que facer con determinación e non caendo na hipocrisía do abuso deste concepto, pois, doutro modo, non será posíbel acadar obxectivos de desenvolvemento asentados nos criterios da sustentabilidade, e tampouco garantir, dun xeito satisfactorio e en concordancia co coñecemento actual, a preservación de todo aquilo que podemos incluír dentro do noso amplo e singular patrimonio natural, que tamén é recurso, e que caracteriza ao territorio galego.
Acadar o compromiso da sustentabilidade non é só cuestión de artellar unha densa normativa legal que poida chegar a tódolos eidos, entendendo que por moito esforzo que se poida facer, ésta é estéril de non existir o que é un denominador común a todas estás cuestións, a participación social. Fica por diante aínda un extraordinario labor pedagóxico para concienciar ao groso da poboación do que debe ser unha nova cultura favorable á protección do ambiente e a sustentabilidade. Neste sentido o principio décimo da Declaración de Río deixa patente a necesidade de involucrar á sociedade civil na transición á sustentabilidade.
Aínda que na actualidade é incuestionábel a progresiva toma de conciencia da sociedade galega sobre a importancia dos problemas ambientais e da necesidade de actuar na súa solución, polo de agora este comportamento queda confinado normalmente a iniciativas illadas como resposta a situacións moi concretas, como o acontecido recentemente co Prestige, faltando aínda unha base sólida de conciencia ambiental colectiva e incorporada no cotián, e que represente significativamente ao amplo espectro social galego dende o urbano ao rural. É necesario un esforzo máximo para educar tamén baixo valores ambientais, e cuxa responsabilidade recae en primeiro termino nos poderes públicos, que deben fixar coma un principio fundamental o dereito da sociedade para poder acceder a unha formación que proporcione unha sólida cultura ambiental. Sen a adquisición e contacto continuo da sociedade nestes valores, e que son determinantes para a comprensión do que significa desenvolvemento sustentable e respecto ó medio ambiente, a posta en marcha das políticas derivadas do compromiso ambiental retardaranse excesivamente, alimentando o incremento do deterioro ambiental, e dos futuros gastos das accións de recuperación do patrimonio natural danado.
As propostas de participación cidadá deben ir encamiñadas a crear mecanismos máis flexíbeis que permitan contar con maior protagonismo da cidadanía na toma de decisións, máis aló da simple elección en comicios dos nosos representantes. Estamos a falar do fortalecemento e maior achegamento das institucións á cidadanía, do dinamismo de consellos consultivos e outros órganos de deliberación, da representación en mesas de debate para o deseño de políticas sectoriais, ou mesmo na mellora dos procesos de información, seguimento e avaliación de diferentes plans, programas e proxectos, na liña das recomendacións incluídas no convenio de Arhus de participación social e acceso á información ambiental. Os poderes públicos deben redundar na importancia de fomentar políticas que faciliten a creación e mantemento do asociacionismo local organizado, urbano e rural, que permita recoller o pluralismo das distintas opinións e sensibilidades, non so as ambientais e/ou culturais, senón tamén outras de interese para a colectividade, e non tratar de silencialas. As organizacións en moitos dos casos funcionan coma a principal canle para achegar a cidadanía á administración.
Observamos que na actualidade aínda se producen importantes deficiencias en obras con incidencia sobre o ambiente, e relacionadas coa dispoñibilidade e acceso á información de expedientes coa que se atopan cidadáns e colectivos directa ou indirectamente afectados. Trátase de prazos moi curtos de exposición pública, grandes desprazamentos para poder consultar información, ocultación de documentos ou a demora prolongada para a súa consulta, falsidade de documentos públicos, entorpecementos nos procesos de anuncio de proxectos, prevaricación, etc. En resumo, que moitas veces é moi fonda a sensación de indefensión da cidadanía e dos colectivos sociais ante a propia administración pública, percibíndose notoriamente que en moitos dos casos, existe un exquisito trato de favor a determinados intereses particulares que son quen, incluso, de acadar moi sospeitosas autorizacións ou declaracións de utilidade pública. Exemplo claro témolo en recentes episodios relacionados coa xestión hidráulica e enerxética.
Os cidadáns galegos deben ter o dereito a poder disfrutar dun ambiente non contaminado e saudábel, no que se preserve e respecte o seu patrimonio natural de flora, fauna e xea, e en particular aquel considerado máis representativo pola súa singularidade, rareza e exclusividade, paro o que se deben extremar as políticas de precaución, cautela e protección, co obxecto de que perduren xeracionalmente. A fraqueza das medidas de protección desenvoltas sobre o territorio do país e os seus espazos naturais e paisaxes máis destacables, que de por si veñen sendo ao longo da historia, elementos integradores da forxa cultural dun pobo e alicerces dos sinais de identidade que definen clasicamente o concepto de nación, deu lugar, e permítanme a rotundidade das palabras, a que Galiza dispoña na actualidade dun territorio fortemente transgredido por unha política necia e desastrosa de ordenación territorial e do aproveitamento dos seus recursos. O seu resultado é un territorio natural fragmentado en mil anacos, nalgúns dos cales aínda resiste unha incuestionábel beleza, pero no que a esencia do conxunto queda desintegrada e irrecoñecible ante un xeneralizado feísmo global.
Exemplos dabondo hai:
A forte eucaliptización de montes e terras agrarias coma única saída na valorización dos montes galegos. Nalgúns casos, reconversións emprendidas despois de investir fortes sumas na “modernización” do campo por medio de concentracións parcelarias a eito, nas que poucas, moi poucas, puideron aproximarse a obxectivos de mellora da productividade e de asentamento de poboación rural, ficando a maioría baixo xestas e toxos no máis silencioso dos abandonos. O rural galego e o seu monte necesita investir en novas fórmulas do uso de terras, e abandonar coma feito xeral a política de concentracións parcelarias, perfilar deseños forestais limitados, e potenciar a multifuncionalidade de usos no rural baixo criterios técnicos contrastados. Estes procesos de transformación do monte, ben representados polo impacto da eucaliptización, supoñen tamén unha importante perda ecolóxica que transcende ao conxunto da sociedade, polo que esta, tamén debe participar activamente no modelo de xestión que queremos para os nosos montes. De non ser así deberíase entender, xa que nunha economía de libre mercado estamos, que os que asumen os beneficios do aproveitamento do monte tamén se fagan responsables dos custes xerados, e neste sentido mencionar o elevadísimo gasto público que supón para o conxunto da sociedade a lacra dos lumes forestais.
Á ocupación urbanística indiscriminada e caótica de todo o perímetro costeiro das Rías Baixas, desenvolta nas últimas décadas, hai que sumarlle a forte presión urbanística exercida nos últimos anos no resto do litoral, e onde as previsións apuntan a case 600.000 novas vivendas en primeira liña de costa galega, mentres que as recomendacións europeas van polo camiño de implementar unha xestión integral sustentable do litoral. De consumarse tan só parte destas previsións, permítanme a introducción dun novo concepto que defina a realidade da costa galega ante esta voraz planificación constructora, coa a idea de poñer o acento no que coído que é máis grave que a denominada “marbellización de Galiza”. Denominaríao coma proceso de “Fisterranización da costa galega”, fenómeno este que atopa un moi bo exemplo precisamente na xa denominada “milla de ouro” da Anchoa no concello de Fisterrra, e que se caracteriza pola emerxencia de case 4000 vivendas en tempo récord, sen as máis mínimas dotacións de servicios básicos esixibles no deseño urbanístico e importante afección ambiental sobre a primeira e segunda liña de praia. Poderíamos dicir que a “marbellización” ten lugar en zonas con alta e consolidada presión urbanística e con acceso a certos servicios básicos e unha economía local máis blindada, e cun crecemento gradual no tempo, mentres que o proceso de “Fisterranización” aparece en zonas periféricas turisticamente pouco desenvoltas, con escasa ou nula presión urbanística, cun alta taxa de emigración da poboación, e cun importante potencial para o desenvolvemento de actividades de turismo grazas precisamente o seu entorno ben conservado, e na que se produce un boom urbanístico sen precedentes e na que se chega a duplicar, triplicar, ou cuadriplicar as reservas de solo urbanístico pero para segundas residencias de poboación non residente. Ribeira, Louro, Cee, Costa da Morte, Rasa Costeira de Lugo, etc.
Outro caso é a política relacionada coa producción, transformación e consumo de enerxía, a principal causa de deterioración ambiental do noso territorio. O actual escenario enerxético e ecoloxicamente insostíbel: cun aumento desbocado do consumo de enerxía, forte dependencia dos combustíbeis fóseis ( sobre todo petróleo e carbón), alta sobreproducción de electricidade se consideramos as nosas necesidades, elevado impacto ambiental sobre ríos e serras, e xeradora dunha moi preocupante contaminación atmosférica con incidencia directa sobre a saúde. Incidir que as elevadas emisións das centrais térmicas galegas supoñen mais do 40% das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro causantes do cambio climático, e a central de As Pontes é o principal foco emisor de CO2 da Península Ibérica e das primeiras europeas. A planificación eólica, aínda sendo unha fonte de enerxía renovable e pola que decididamente apostamos dende o movemento ecoloxista, debe potenciarse pero dende os máis absolutos criterios de racionalidade no seu crecemento e ocupación territorial. O modelo implantado nestes momentos en Galiza sen embargo resulta inaceptábel, ao igual que as súas previsións de duplicación de potencia, pois aséntase nun deseño enraizado nun plan e nunha normativa autonómica feita a medida dos promotoras, e no que subxace a premisa da busca de “máximo beneficio ó menor custe posíbel”. Productividade a calquera prezo fronte a sustentabilidade, nun plano eólico que concibiu coma zonas de implantación todas aquelas áreas de montaña con vento susceptible de ser rendible polos aeroxeradores, independentemente da súa condición de protección territorial coma espazo natural protexido. Aí está o caso da Serra do Xistral, por certo, baixo impactantes obras eólicas actuais dentro do seu perímetro protexido e que non parece importar, e que aglutina unha das maiores concentracións de parques eólicos de toda a Península e neste caso situados sobre un ecosistema referente a nivel mundial polas súas peculiaridades únicas, as turbeiras de cobertor, que debido a súa composición e superficie restrinxida facían destas o único patrimonio galego natural sen representación no resto da Península, e hoxe sinxelamente atópanse irreversiblemente deterioradas.
Apuntar neste sentido que Galiza está á cola do estado en materia de protección de espazos naturais, e no desenvolvemento de Plans de Ordenación e de Uso e Xestión desas áreas.
A situación dos nosos ríos tamén é preocupante ante a política enerxética desenvolta historicamente, é triste dicir que “o pais dos dez mil ríos” so conta na actualidade co río Sor coma único dos principais ríos galegos que discorre sen domesticar pola acción dun encoro. Tamén indicar o perxuizo causado os ríos pola forte carga de contaminación xerada por un deficiente ou nulo tratamento de augas residuais. A depuradora da capital de Galiza fai que o río Sar discorra durante varios quilómetros convertido nun río fecal. Unha nova política enerxética pasa por un forte cambio de mentalidade: é necesario pasar do incremento continuado da oferta eléctrica cara unha xestión axeitada da demanda, baseada na reducción do consumo de enerxía a través da promoción intensa e eficaz do aforro e da mellora da eficiencia enerxética.
A sustentabilidade tamén ten que ser levada á xestión dos recursos pesqueiros. A Organización para a Agricultura e Alimentación das Nacións Unidas (FAO) ven de alertar novamente sobre a grave situación dos caladoiros a nivel mundial. A pesca no noso país non é unha excepción e afronta graves problemas de sobreexplotación, tanto nos caladoiros costeiros como nos de altura nos que faena a nosa flota. Non atender ás advertencias fundamentais da comunidade científica, actuar cunha visión de curto prazo e non tomar as medidas de conservación necesarias ameaza o futuro da nosa pesca. A sociedade galega debe apoiar firmemente a pesca sostíbel tanto na baixura coma na flota industrial, na que cómpren accións eficaces orientadas á recuperación dos recursos máis danados, a eliminación da pesca ilegal, a creación de reservas pesqueiras, o uso de fondos públicos para a promoción da pesca sostíbel e a promoción de artes máis selectivas e menos daniñas para o medio mariño.
O noso modo de transporte é cada vez máis insostíbel. A demanda de transporte de mercadorías e pasaxeiros está a medrar a un forte ritmo, principalmente a través dos modos de transporte máis contaminantes. Os custos ambientais e sociais do actual modelo de transporte son moi importantes: desperdicio de enerxía, contribución ao cambio climático, degradación ambiental das cidades e vilas por causa do tráfico excesivo, altos custos sanitarios, fragmentación do territorio e deteroriación de espazos naturais… O modelo actual xera desigualdade social, pois discrimina a aqueles e aquelas que non teñen acceso regular a un automóbil privado. É esencial para camiñar cara a sustentabilidade reformular radicalmente o modelo de transporte e por conseguinte, os planos de Infraestruturas. A prioridade debe ser a xestión da demanda e non a construcción de novas infraestructuras que estimulan un maior aumento da demanda. En fin, a política territorial de transporte debe favorecer que a sociedade teña acceso a unha mobilidade sostíbel.
Outro aspecto relacionado coa sustentabilidade é a producción e tratamento de residuos. O noso país non pode repetir os erros cometidos noutros lugares. A reducción dos residuos debería ser a prioridade, polos beneficios e aforros que supón actuar antes de que aparezan os problemas. Por outra banda, unha adecuada xestión do lixo ten moito que aportar á nosa agricultura. É incomprensíbel que milleiros de toneladas de materia orgánica transformábel en compost rematen incineradas.
Avogamos por unha completa transferencia de competencias a Galiza que permitan decidir o rumbo da política ambiental do noso país e en consonancia coas normativas estatais e europeas. A descentralización das competencias en favor do achegamento das mesmas a un territorio, neste caso o galego, entendemos que é positiva pois favorece unha maior participación e contacto da cidadanía na toma de decisións que incumben á administración e xestión da realidade do espazo que habitan. Claro está que a aplicación desas competencias debe axustarse á legalidade e ao interese xeral e non debe estar supeditada a unha toma de decisións arbitraria.
É dicir, se esas posibles competencias se poden traducir nunha menor protección que a establecida no rango estatal, entendemos entón que a medida pode prexudicar os dereitos da cidadanía en lugar de preservalos. Un exemplo podémolo ter nas diferenzas que existiron no proceso de declaración e transferencia do PN das Illas Atlánticas, que no seu día vimos con certa preocupación e desconfianza por considerar que a política ambiental da anterior Administración galega non garantía a conservación dos valores deste espazo fronte ás medidas xerais de protección establecidas polo MMA e a súa rede de PN.
A transversalidade necesaria nunha política ambiental sustentábel implica que moitas das competencias en planificación territorial das que hoxe desfrutan os gobernos municipais deben contar cunha supervisión estricta na súa aplicación por parte do goberno galego.
As políticas europeas veñen marcando o escenario no que se desenvolven as diferentes políticas galegas relacionadas coa planificación territorial, o aproveitamento dos seus recursos e a súa xestión ambiental. Dada a influencia das decisións europeas sobre a realidade do noso país, entendemos que naquelas cuestións que dende Europa poidan ter un forte impacto na sociedade galega, o noso país poida debater cos seus propios interlocutores, en representación do estado, estas cuestións cos órganos europeos.
Agardando que esta oportunidade aberta aos colectivos sociais na construcción dunha nova realidade para a Galiza supoña un compromiso para que a sociedade e poderes públicos afronten o grande reto dun novo modelo social sustentábel, xusto e comprometido coas futuras xeracións, despídese,
