24/04/ 2006

Por unha planificación eólica sustentábel

O Plano Sectorial Eólico aprobado pola anterior Xunta e aínda en vigor, ten sido obxecto de importantes críticas por parte das organizacións ambientalistas galegas e, en particular, por parte da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Estas críticas non son o resultado da falta de visión global dos problemas ambientais nin dunha actitude fundamentalista. Somos conscientes de que a única enerxía realmente verde é a que non é preciso producir porque nunca se consumirá, e que todos os xeitos de producción enerxética –tamén as de baixo impacto ambiental, como os parques eólicos – ocasionan danos ambientais que hai que tentar minimizar.

ADEGA é partidaria do aumento da participación da enerxía eólica na producción enerxética, no marco dunha política enerxética sustentábel e equitativa que priorice o aforro, a suficiencia e a eficiencia enerxéticas. Tamén, as renovábeis entanto que alternativas, deben substituir progresivamente a aqueloutras fontes que consumen recursos finitos e son máis contaminantes. No actual contexto, malia recoñecermos como algo positivo a implantación da enerxía eólica, non podemos apoiar, como en principio sería lóxico, o actual Plano Eólico de Galiza.

Aisto debido a que a Consellería de Industria, coa complicidade da Consellería de Medio Ambiente do governo anterior, obrou o prodixio de converter unha enerxía de baixo impacto ambiental nun factor importante de deterioración dos espazos naturais máis valiosos da nosa terra. O ordenamento inadecuado da instalación dos parques eólicos é hoxe unha das maiores ameazas para o noso patrimonio natural, como constatan a inmensa maioría dos estudiosos da nosa natureza.

ADEGA partilla dun modelo de desenvolvemento da enerxía eólica respectuoso co medio natural, beneficioso para o conxunto da sociedade galega e o máis descentralizado posíbel.

O impacto do Plano Sectorial Eólico de Galiza

A enerxía eólica é renovábel e non contribúe ao aumento do efecto invernadoiro que provoca o cambio climático, polo que presenta vantaxes ambientais decisivas fronte ás enerxías que se obteñen da combustión de carbón, pretróleo ou gas natural, vantaxes que comparte coa enerxia hidráulica. Pero ao igual que esta, non está exenta de impactos ambientais negativos, os cais van depender de onde, de como e de cantos parques eólicos se instalen. No caso de Galiza, estes impactos ambientais están a ser moi considerábeis, como consecuencia dunha planificación eólica ambientalmente incorrecta.

A aplicación do Plano Eólico de Galiza, vixente aínda despois do cambio de governo, provocou e está a provocar o incumprimento sistemático nas zonas que fan parte da Rede Natura 2000 (Lugares de Interese Comunitario, LICs), do Real Decreto 1997/1995, do 7 de decembro polo que se traspón ao ordenamento xurídico español a parte da Directiva 92/43/CEE “Hábitats” que non estaba incorporada a este.

O Plano Eólico do PP mesmo afirmaba que “procede declarar la compatibilidad de estas instalaciones con el paisaje gallego, dado el potencial eólico de la región, que haga de los parques eólicos una seña de identidad de la Galicia del futuro" o que está totalmente fóra de lugar e revela a nula sensibilidade paisaxística dos seus redactores. A mala planificación do desenvolvemento da enerxía eólica, xunto con outras actuacións lamentábeis, contribuiu a que un “sinal de identidade” galego sexa a paisaxe deteriorada.

Unha política enerxética ecoloxicamente sustentábel debe ter como primeira prioridade a promoción do aforro e a mellora da eficiencia enerxética. Nun escenario como o actual, de forte crecemento da demanda de electricidade, é imposíbel reducir sensibelmente o impacto ambiental da producción e consumo de electricidade. O actual Plano Eólico, pola súa falta de respecto ao medio natural, non está contribuíndo a reducir ese impacto ambiental en Galiza senón todo o contrario.

Logo do cambio político, o novo governo continuou a tramitación de parques eólicos ao abeiro da anterior planificación, mesmo en espazos protexidos ou de alto valor natural. Casos coma os dos LICs Estaca de Bares (p. e. de Punta Maeda), Brañas do Xestoso (p. e. do Couto de San Sebastián), Costa da Morte (p. e. Muxía 1), e da Serra do Suído e Macizo Central (parques eólicos e canteiras), amosan unha falla de compromiso real da nova administración co desenvolvemento sustentábel desta enerxía.

Non podemos entender como se seguen a tramitar instalacións que comprometen a viabilidade ecolóxica dos poucos espazos protexidos que nos quedan e coutan as posibilidades de desenvolvemento sustentábel para os seus habitantes. Máis aló de declaracións de intencións e notas de prensa, en ADEGA queremos ver feitos concretos que amosen un compromiso real coa xestión racional dos nosos espazos e recursos naturais. Actuacións urxentes como a revisión do Plano Sectorial Eólico, coa conseguinte paralización dos expedientes en tramitación, deben pasar xa dos despachos das consellarías ás páxinas do DOG. Seguir coa aplicación dos Planos Sectoriais do antigo goberno, froito dunha política ambiental economicista, depredadora e inxusta socialmente supón unha fraude á cidadanía.

Propostas de ADEGA para o desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza de xeito compatíbel co medio natural e máis xusta socialmente

1.- Suspender a aplicación do Plano Eólico mentres se procede á súa revisión. No entanto, declarar unha moratoria real e paralisar todos os proxectos en tramitación nados ao abeiro da planificación anterior. Para debater sobre a súa revisión propomos a criazón dun grupo de traballo constituído por representantes das empresas do sector, organizacións de defensa ambiental, sindicatos, Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e expertos independentes en planificación enerxética e en conservación do medio natural.

2.- Deberían ser excluídos de entrada como espacios susceptíbeis de albergaren parques eólicos alomenos todos aqueles espacios naturais que son obxecto dalgunha figura de protección legal (ZEPVNs, parques naturais, espazos en réxime de protección xeral,…). É necesario definir un mapa no que se establezan claramente as zonas de exclusión, isto é aquelas áreas do territorio nas que non é ambientalmente aceptábel a construcción de parques eólicos, como xa teñen feito outras autonomías do estado dende hai tempo.

3.- Facer unha avaliación ambiental estratéxica imparcial e rigorosa que valore tamén o impacto no medio do Plano Eólico no seu conxunto. A avaliación individual de cada un dos proxectos de parques eólicos de xeito illado (que ademais non ten en conta o impacto dos tendidos eléctricos necesarios para a evacuación da electricidade xerada) é unha ferramenta claramente insuficiente para valorar e minimizar a incidencia ambiental negativa do Plano.

4.- A Modificación do Plano Eólico debería garantir a implementación de todas as medidas necesarias para a protección efectiva do patrimonio cultural e do atractivo turístico de Galiza. Na actualidade, en moitos casos, non se están adoptando as medidas necesarias para a protección do patrimonio arqueolóxico e histórico. No que atinxe ás chamadas “Proteccións turísticas”, entendemos habería que ter en conta máis seriamente o parecer da Dirección Xeral de Turismo.

5.- Non se deberían considerar por sistema e en todos os casos os parques eólicos como de interese público e utilidade social. A administración deberá promover alternativas sustentábeis para a o desenvolvemento económico das poboacións residentes nos espazos protexidos, centrado nos valores naturais, culturais, turísticos…etc. destas áreas.

6.- O Plano Sectorial non respecta a autonomía municipal, ao impor aos Concellos a instalación de parques eólicos no seu territorio.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/04/24/por-unha-planificacion-eolica-sustentabel/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here