O Lérez e o seu saneamento.
Diante da próxima inauguración da nova rede de colectores que canalizarán as augas fecais cara á depuradora de Lourizán, a “Asociación pola defensa da Ría” expresa o seu recoñecemento e satisfacción polos cambios que, na calidade das augas do río e na Ría de Pontevedra, van supoñer as obras que agora rematan. A APDR tense mobilizado desde o seu nacemento en contra dos danos que para o entorno fluvial supuñan os vertidos industriais e as augas residuais urbanas que, sen a necesaria depuración, chegaban ás augas e que tiñan provocado non só a case total desaparición dos organismos que no seu día as poboaron, senón tamén desagradables cheiros e cores que impedían o disfrute do río por parte dos pontevedreses. A demanda de eliminación desta contaminación por parte da asociación plasmouse, ao longo de anos, en manifestacións, denuncias públicas, denuncias administrativas e xudiciais e unha queixa diante da Unión Europea que se traduciu na apertura dun expediente sancionador aínda hoxe aberto.
Pero as mobilizacións cidadáns ao longo de todos estes anos teñen dado os seus froitos cunha paulatina redución da carga contaminante vertida que se está a traducir nunha lenta mellora das condicións ambientais do Lérez. A desaparición da factoría de TAFISA foi un elemento importante nesta recuperación e a canalización agora cara a estación depuradora de Lourizán de boa parte deses vertidos de orixe doméstica que aínda chegaban ao cauce, vai supoñer unha nova mellora que será ainda máis evidente a medida que, reducidas as entradas de contaminantes, a acción da natureza recupere o medio facendo desaparecer a contaminación residual de anos e anos de degradación.
Non cabe dúbida de que esta nova situación, cun 90% dos vertidos fecais canalizados, é froito do esforzo do Goberno Municipal que, diante da incompetencia do organismo responsable da xestión de augas e vertidos da administración galega, Augas de Galicia, decidiu no seu momento acometer as obras agora rematadas e buscar a financiación necesaria para realizalas.
Pero recoñecida a importante mellora que para a calidade ambiental do río significa o remate destas obras, é importante suliñar que éste non é o punto final que deixe un panorama idílico; dende a APDR queremos animar ás Administracións municipal e autonómica a seguir traballando para levar luz ás sombras que ambientalmente aínda escurecen o panorama do Lérez e dos outros ríos do municipio.
Parece así necesario estudar as consecuencias do vertido directo das augas pluviais. En efecto, ao proceder éstas de zonas con tráfico intenso, haberá arrastres de restos de hidrocarburos, materia orgánica e partículas sólidas de diversa orixe, composición e consecuencias, e será preciso analizar a magnitude do seu impacto e tomar as medidas necesarias para evitalo.
Aínda que os vertidos se teñen reducido de forma significativa, é posibel ainda atopar puntos de saída directa de augas residuais, o que implica que vai seguir existindo contaminación por bacterias fecais que seguirá impedindo o disfrute saudable do río. Faise xa que logo necesario actuar canto antes sobre estes puntos de vertido.
Pódense ver ainda en numerosos puntos residuos sólidos de diversa índole e tamaño que, dado o seu negativo impacto visual, urxe retirar.
É preciso establecer mecanismos de control e vixiancia, que impidan os vertidos puntuais de diversos tipos de residuos líquidos que, cunha frecuencia escandalosa, se veñen repetindo e que afectan tanto ao Río Lérez como ao Gafos, Rons ou Alba. Manter o bo estado ambiental destes ríos pasa pola persecución dos autores de vertidos ilegais incontrolados así como polo establecemento de medidas para evitalos.
É preciso, xa por último, que a recuperación do Río Lérez e dos outros ríos do concello inclúa tamén a recuperación do entorno natural dos sistemas de ribeira, a eliminación dos impactos paisaxísticos e da vexetación exótica, e a recuperación dos bosques de ribeira que son naturais neste entorno.
