A neveira foi destruída por unha pa escavadora que estaba a abrir unha pista, nas obras dos novos parques eólicos da Serra do Suído
EUROVENTO DESTRÚE UNHA NEVEIRA NA SERRA DO SUÍDO
A neveira, situada no lugar dos Canos da Neveira e datada no século XVIII, estaba formada por un gran foxo de pedra, que servía para gardar neve despois do inverno para seren utilizada como conservante do peixe e de outros produtos alimentarios, transportados pola antiga ruta comercial coñecida como Camiño dos Arrieiros, que atravesaba a Serra do Suído dende os antigos portos pesqueiros da Ría de Pontevedra ata a comarca do Ribeiro.
Despois de ter constancia deste feito, a Asemblea do Suído informou aos servizos provinciais de patrimonio e montes da Xunta de Galiza, que procederon á paralización inmediata das obras. A Asemblea do Suído leva anos denunciando as consecuencias negativas que ten este proxecto eólico na serra, tanto sobre o rico patrimonio arqueolóxico e etnográfico como sobre os diferentes hábitats naturais declarados pola UE en perigo de desaparición.
A empresa promotora dos parques eólicos de Fonteavia e Bidueiros, EUROVENTO S.L., só acaba de comezar as obras e xa ten incorrido en dúas ilegalidades, primeiro ao entubar un río sen o permiso da Confederación Hidrográfica do Norte (tamén denunciado pola Asemblea do Suído) e agora ao destruír un elemento etnográfico da serra. Estes feitos poñen en evidencia a validez e calidade dos estudos de Impacto Ambiental e Arqueolóxicos practicados na serra pola empresa, ao demostrárense que resultan insuficientes para a protección do medio e do seu patrimonio, polo que a Asemblea do Suído solicita as súas derrogacións e a paralización total e permanente da construción dos parques eólicos, así como a protección inmediata da Serra do Suído incluíndoa na rede Natura 2000.
