A Asociación pola Defensa da Ría presenta alegacións á solicitude de autorización ambiental integrada por parte de ELNOSA
De acordo co prescrito na Lei 16/2002, de 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, ELNOSA está obrigada a tramitar unha Autorización Ambiental Integrada unha vez que, transcorrido un período de catro anos dende a súa concesión, correspondería realizar unha renovación da autorización de vertido.
A solicitude de Autorización Ambiental Integrada presentada por ELNOSA é un documento que por unha parte non responde ás exixencias da lei, que pide que as solicitudes que se presenten contemplen aspectos como medidas para a redución da contaminación, eficiencia no uso da enerxía e da auga, axeitada xestión de residuos e control dos riscos orixinados e, por outra, ven a confirmar que a planta de ELNOSA en Lourizán provocou e segue a provocar unha forte contaminación e supón un elevado risco para a poboación da bisbarra de Pontevedra.
A empresa fai ver na súa autorización que se atopa nunha situación de incumprimento do Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas que explicitamente determina unha distancia entre este tipo de industrias e calquera núcleo habitado de 2000m a pesar de que a lei esixe a presentación de documentación demostrando o cumprimento do RAMINP. Pero o incumprimento desta lei supón para a cidadanía a presenza dunha ameaza que se fai real fundamentalmente en dous sentidos.
Por unha banda ELNOSA segue a verter cantidades importantes de mercurio á Ría de Pontevedra; débese ter en conta que o sistema de desmercurización utilizado é o mesmo que funciona dende 1984 e que con posterioridade a súa posta en marcha se produciron graves episodios de contaminación que fixeron que a empresa fose candeada, xunto con ENCE por delito ecolóxico continuado no 2003. Na propia solicitude se refire a presenza de mercurio nos sedimentos da ría pero, sospeitosamente, se oculta a cantidade de mercurio que cada ano se “perde” no proceso de fabricación e que, salvo unha mínima parte que se incorpora aos produtos elaborados, pasa á ría a través dos vertidos e ao aire para precipitar logo, seguramente no entorno próximo. Este mercurio se dispersa nunha zona habitada por máis de 100.000 persoas e nun medio dedicado á extracción e cría de moluscos para o consumo humano. Por outra parte, a empresa, segue almacenando grandes cantidades de cloro en depósitos o que xenera un serio risco de accidente de perigosidade crecente a medida que os sistemas de condución e almacenaxe se van quedando anticuados e na medida que a poboación exposta ás consecuencias do mesmo (tal e como se pode deducir da solicitude da empresa nun radio de 2,5 Km.) aumenta ao aumentar a urbanización neste espazo; está claro que un accidente grave provocaría un número elevado de vítimas.
Sorprendentemente ELNOSA pretende, de acordo coa súa solicitude de autorización, manter o mesmo sistema de produción (o máis perigoso e contaminante dos recoñecidos nas Mellores Técnicas Dispoñibles establecidas polo sector, a electrólise con cátodo de mercurio) ata o ano 2020, no que o substituiría por un sistema que non utiliza mercurio; é dicir que a empresa planifica a transformación tecnolóxica para dous anos despois de que, ao terminar a concesión de dominio público marítimo terrestre, a empresa deba ter desmantelado a súa planta.
O análise da solicitude permite entrever cales poden ser as pretensións da empresa, dado o absurdo do plan de seguir na seu actual emprazamento. Parece máis ben que o que pretende é que unha vez denegada a autorización, a pechar as súas instalacións sen asumir as obrigacións que lle veñen impostas na concesión de dominio público marítimo terrestre na que está instaladas e que consisten na devolución dos terreos no estado no que se atopaban antes de ocupalos e na descontaminación da zona afectada polos seus vertidos.
Xa que logo, a APDR solicita a administración que denegue calquera tipo de autorización a ELNOSA que lle permita continuar coa súa actividade, pero ademais solicitase que, á maior brevidade se incoe un expediente de caducidade que determine a suspensión de uso e explotación das instalacións e que se controle o desmantelamento e recuperación dos terreos obxecto de concesión e a restauración dos danos ambientais provocados pola actividade da empresa. Tamén se solicita que se impoña a ELNOSA unha fianza consistente na cantidade suficiente para a realización dos traballos de desmantelamento e recuperación dos terreos obxecto de concesión e os danos ambientais provocados pola actividade da empresa, para cubrir os gastos orixinados, no caso probable de que a empresa intentara evadirse das responsabilidades que, por lei, lle veñen impostas.
