Manifesto na Marcha-2006
Boas tardes e gracias por respostar un ano máis ao chamamento da “Asociación Pola Defensa da Ría”, por asistir a esta nova edición da “MARCHA CONTRA CELULOSAS”, unha edición que se da nun marco deica hoxe inédito.
En efecto, este ano a “Marcha” dase nunha situación política ben diferente á dos anos anteriores, nunha situación na que, por primeira vez, as administracións abandoan as posicións de absoluta complicidade co ilegal e contaminante complexo industrial de Lourizán para atender as xustas reivindicacións defendidas deica hoxe pola meirande parte da cidadanía da bisbarra que, coa “Asociación Pola Defensa da Ría” á cabeza, ven exixindo ano tras ano o fin da actividade industrial do complexo ENCE-ELNOSA e a recuperación da nosa Ría para a explotación racional dos recursos forestais, marisqueiros, pesqueiros e turísticos; unha maioría social que é conscente de que só coa desaparición do complexo industrial de Lourizán será posibel recuperar a calidade de vida e a saúde das persoas e levar adiante un desenvolvemento sustentábel na nosa bisbarra. Que só así poderemos recuperar o noso medio natural, o noso medio de vida e mesmo os nosos areais, sepultados baixo a ilegal fábrica en beneficio dos intereses económicos duns poucos.
Todo indica, é certo, que hoxe a situación é moito máis favorabel aos intereses de quen ano tras ano vimos botando esforzos por facer realidade o que hoxe segue a ser ainda a nosa espranza; a loita polo peche do complexo ilegal de Lourizán, un complexo condenado por delicto ecolóxico e polos danos ocasionados de xeito continuado contra o medio ambiente e a saúde das persoas, ten dado os seus froitos, e hoxe a Xunta de Galicia, o Goberno do estado e a meirande parte dos Concellos da Ría asumen a necesidade de eliminar o complexo da súa actual ubicación.
Pero coidado, temos que ser conscentes de que nen esta situación é casual, nen está todo feito; esta nova situación é o resultado da loita constante e decidida da cidadanía que desde hai xa demasiados anos vimos exixindo da administración este posicionamento, unha mobilización social que segue a ser fundamental; en primeiro lugar porque é preciso evitar unha volta atrás nas posicións das administracións, e logo, para que os nosos gobernantes saiban que poderán contar co apoio cidadán sempre que se manteñan firmes na defensa das nosas reivindicacións.
Na APDR estamos convencidos de que ENCE vai abandoar Lourizán, pero non estamos dispostos a agardar ao 2018; porque a Ría de Pontevedra non pode hipotecar o seu futuro ata ese ano; porque non se pode manter unha situación que xa ninguén dubida en calificar como irracional desde o punto de vista económico, medioambiental e da saúde e calidade de vida das persoas. Por iso, e porque entendemos que o futuro ben vale un esforzo, seguimos chamando á poboación a defender os seus dereitos e a seguir participando nas mobilizacións anti-ENCE.
Permitidenos, xa por último, expresar a nosa solidariedade cos colectivos que máis alá do Atlántico están a levar unha loita exemplar contra ENCE e BOTNIA, que como aquí, pousaron alá,nas fermosísimas terras de Fray Bentos a carón do rio Uruguai, as súa garras depredadoras utilizando, como aquí, a mentira e as falsas promesas en forma de postos de traballo, tecnoloxía limpa e respeto pola Natureza; a súa loita é parte da nosa loita como a nosa forma parte tamén da loita da Arxentina e do Uruguai en contra dos noso enemigos comúns.
Gracias unha volta maís pola vosa presencia aquí, e gracias tamén a todos aqueles colectivos que en máis de un cento teñen apoiado esta nova Marcha contra CELULOSAS.
