A incineración de lixo con plasma desaproveita o lixo e favorece o cambio climático
A Federación Ecoloxista Galega FEG, rexeita a posibilidade de tratar o lixo do sur de Galiza con plasma. Os ecoloxistas consideran que esa tecnoloxía de plasma é unha nova forma de incinerar os residuos, a custa de esbaldar recursos, consumir enerxía e liberar á atmósfera gases de efecto invernadoiro que contribúen ao quecemento global da Terra.
O rexeitamento ecoloxista ao tratamento de plasma baséase nos seguintes puntos:
- Perpetúase un modelo centralizado de xestión: os residuos do sur de Galiza seguirán a transportarse a esa planta, co conseguinte consumo de combustíbeis fósiles e emisións de gases polo transporte.
- Non se favorece a prevención nen a reciclaxe: tratamentos finalistas coma a incineración e o plasma baséanse no tratamento (que non aproveitamento) de cantidades crecentes de lixo mesturado; un exemplo disto é a incineradora de SOGAMA, onde a porcentaxe de materiais recuperados está por baixo do 5% dos residuos que tratan.
- Non se aclara que tipo de residuos se van tratar: ao igual que ocorreu con SOGAMA, fálase de que se van tratar residuos “non reciclábeis”, mais na incineradora de Cerceda o principal combustíbel (52%) é materia orgánica, que se pode reciclar a través da compostaxe.
- Contribúese ao cambio climático: o monóxido de carbono CO, é un gas que nas capas altas da atmósfera reacciona co osíxeno, dando lugar a ozono e CO2, gas implicado no efecto invernadoiro e no quecemento global. Neste punto, sinalar que desde a Consellería do Ambiente chegan mensaxes contradictorias, pois por unha banda dise que se está a traballar contra o cambio climático mentres que por outra banda preséntase un proxecto que favorece o efecto invernadoiro.
Fronte a este e outros “globos sonda” que poida presentar a administración, a posición ecoloxista é ben clara: a FEG defende (como vén defendendo desde sempre) un modelo sustentábel de xestión dos residuos, descentralizado, baseado na prevención e a compostaxe, e sobre todo un modelo de baixa tecnoloxía, pois o punto crítico no éxito ou fracaso dun modelo de xestión de residuos é a participación e implicación da cidadanía, polo que unha parte importante dos investimentos deben ir adicados a programas de educación ambiental, con continuidade no tempo e cunha avaliación continuada.
Traballando na reducción e reutilización, e aumentando as taxas de compostaxe e reciclaxe, na Galiza non hai sitio para a incineración (póñase o nome que se lle poña).
