15/06/ 2006

Reducción dos R.S.U. no Morrazo XA!!

Filed under: Residuos

Luita Verde culpabiliza á Mancomunidade de Concellos do Morrazo e á actual empresa concesionaria, Isolux (ata hai pouco denominada Aymasa) da problemática situación actual do servizo de recollida do lixo urbano na comarca.

Denunciamos que esta situación: conflicto laboral cos traballadores/as, impago e débeda económica dos concellos coa empresa concesionaria do servizo de recollida (antes Urbaser e agora Isolux) e con SOGAMA polo transporte e tratamento dos residuos sólidos urbanos a Cerceda, as deficientes condicións operativas e sanitarias da planta de almacenamento comarcal (estación de transferencia) de Castiñeiras e xa últimamente a falla de medios , coa inoperatividade de máis da mitade cos camións do propio servizo recollida, está a suceder continuamente dende que se privatizou o servizo de recollida, hai cinco anos e dende que se puso en funcionamento a planta comarcal de Castiñeiras, hai tres.

Esta falla de medios actual, está a provocar un problema ambiental e sanitario engadido ó quedar unha maioría da xeografía periurbana sin servizo de recollida e os contenedores fóra de capacidade e coas bolsas tiradas polos arredores cheas de residuos apodrecendo, malos cheiros e acumulación de bacterias, insectos e animais detritívoros e ocasionais. Esta situación, como tódolos anos, vaise ver agravada coa chegada masiva de visitantes nos próximos meses de verán, co considerable aumento da poboación e consecuentemente de xeración de residuos.

Luita Verde denuncia que o problema da xestión do lixo urbano comarcal de tódolos xeitos non é só de operatividade co servizo de recollida e do seu tratamento senón ante todo é de xeración de resíduos, e en canto a isto temos que alertar que a xeración de residuos sólidos urbanos en Galicia aumentou un 23% en tan só 5 anos, dende o ano 1998 ata o 2003, sendo a subida dun 40% nos concellos semiurbanos, e de claro ámbito metropolitano como os do Morrazo, debido ós hábitos consumistas importados das grandes urbes que nos rodean (Vigo e Pontevedra, neste caso).

Este galopante aumento de xeración de resíduos está a ser xa un verdadeiro problema ambiental ( o máis visible e notorio o temos, por exemplo, cando hai unha folga do servizo de recollida ou un mal funcionamento da mesma, como está a suceder estas últimas semanas no Morrazo), e tamén é un problema estructural e socio-económico de cara ó máis inmediato futuro, porén canto máis lixo produzamos, máis complexo vai selo seu tratamento e consecuentemente máis cara económicamente a súa xestión, que a final e a contas se explica na contínua subida das taxas a pagar polo conxunto da cidadanía.

Luita Verde polo tanto demanda unha atención urxente por parte dos Entes municipais da comarca de cara á Reducción en orixe da xeración de residuos, como principio fundamental dos 3R, acompañado da mellora e fomento da Reutilización de envases e da Reciclase dos resíduos orgánicos, do cal lembramos que sigue inoperativa a planta de compostaxe construída no seu momento no interior das instalacións comarcais de Castiñeiras. Para elo o 20 de setembro do 2005, este colectivo, apresentou 8 Propostas de Mellora do Plan de Residuos Sólidos Urbanos do Morrazo á Mancomunidade de Concellos, fundamentadas nos principios dos 3R (Reducción, Reutilización e Reciclase): arranxo e posta en funcionamento da planta de compostaxe; compostadores individuais no rural; campaña educativa a prol da recollida selectiva en orixe; reordenación da distribución dos contenedores na rúa; construcción de puntos limpos en cada concello; programas de recollida selectiva de aceites vexetais usados e de resíduos plásticos e fitosanitarios; campaña intensiva de reducción de xeneración de lixo nos fogares promovendo medidas a prol con asociacións de veciñ@s e comerciantes; reparto equitativo, susto e solidario no pago das taxas; Propostas que dende entón nunca foron tidas en conta nin respostadas.

Luita Verde posiciónase en contra da incineración e rexeita a proposta da Consellería de Medio Ambiente de construír unha segunda macroinstalación de SOGAMA no Sur de Galicia, avogando como solución alternativa a construcción e xestión pública de plantas máis pequenas de tratamento, baseadas no principio dos 3R, na reciclase e a compostaxe, adaptadas ós ámbitos xeográficos comarcais, e contando coa tradicional dispersión demográfica.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/06/15/reduccion-dos-rsu-no-morrazo-xa/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here