Veciños do lugar de Maquieira, do Concello de Barro, e membros de ADEGA decidiron paralizar, dende as 10 da mañán de hoxe, as obras de recheo que se están a realizar nas beiras do río Barosa. Veciños e ecoloxistas entenden que se trata dunhas obras dun impacto ambiental e social totalmente inasumíbeis por máis que se disfrace co nome de “millora natural do rio Barosa”. Ao respecto, resulta manifestamente ilegal que unhas obras desta magnitude que vai rechear caseque 70.000 metros cadrados dunha chaira de inudación das beiras do río ata unha altura de 2 a 4 metros non teña tramitado avaliación de impacto ou de efectos ambientais.
Hai que engadir que, a maiores de non ter tramitado avaliación ambiental algunha, a autorización de Augas de Galiza de 27/07/2004 realizase en base a ter sido sometido o proxecto ao támite de avaliación ambiental e de seren atendidas as alegacións ao respecto.
Hai que dicer tamén que a declaración de urxente ocupación otorgada por Decreto 587/2005 foi realizada sobre a base de informes totalmente fraudulentos sobre o número de visitantes da zona e os problemas de tráfico que a mesma xeneraba e houbo de ser revocada pola propia administración a través do Decreto 66/2006 polo que se deixaba sen efecto o Decreto de urxente ocupación anterior, a pesar do cal o Alcalde de Barro continuou coa ocupación das incas de forma totalmente prepotente.
A vontade dos veciños e ecoloxistas de ADEGA manifestada nunha reunión que tivo lugar na tarde de onte coa asistencia de concelleiros do BNG e do PSOE non é outra que a de conquerir a revisión dun proxecto que só se pode entender polo negocio que representa a obra en sí e o que pode representar o negocio de convertir en escombreira as beiras do río.