Verdegaia rexeita a declaración de Interese Turístico da Festa do Boi de Allariz por fundamentarse no maltrato animal
A asociación ecoloxista Verdegaia rexeita coa maior rotundidade a declaración por parte da Consellería de Innovación de Festa de Interese Turístico para a Festa do Boi de Allariz publicada no DOG do 20 de xuño.
Calqueira espectáculo, festa, tradición ou como quer que se lle chame que teña a súa razón de ser no trato cruel e denigrante sobre un animal non so non debera ser de interese turístico senón que debe ser expresamente prohibida. Unha suposta recuperación de tradicións non pode ser de ningunha maneira escusa para reeditar usos e costumes que atentan contra outros seres vivos coa banal e irresponsábel escusa do lecer. Unha tortura prolongada e consciente non pode de ningunha maneira considerarse cultura, senón unha aberrante mostra do desprezo do ser humano polo resto dos seres vivos cos que comparte planeta.
A Declaración Universal dos Dereitos do Animal, aprobada pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) no ano 1977 e posteriormente pola ONU, sinala no seu artigo 10 que ningún animal pode ser explotado para o lecer do ser humano e que as exhibicións e os espectáculos que empreguen animais son incompatibles coa dignidade do animal.
Lamentábelmente, aínda que a Lei 1/93 de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade da Comunidade Autónoma de Galicia reflicte no seu artigo 5 a prohibición de usar animais en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades se iso pode ocasionarlles danos, sufrimentos ou facelos obxecto de tratamento anti-natural, tamén engade a salvidade de excluír do ámbito de aplicación desta lei a festa dos touros, os encerros e demais espectáculos taurinos, nunha pirueta legal absolutamente inxustificábel e que desvirtúa o conxunto da lei.
Verdegaia demanda da Consellería de Innovación e Industria a retirada da Declaración de Interese Turístico á festa do Boi de Allariz e a prohibición definitiva de toda clase de espectaculos que supoñan maltrato animal, modificando consecuentemente a lexislación para incluír os espectaculos taurinos de calquera caste nesta prohibición.

Creo que a achega de Bois non é algo que dane ao Boi nin que revista un perigo físico para o animal. Non creo que sexa máis agresivo que a rapa e marcado de bestas propia desta tempada. Desde logo non é comparabel ás corridas de touros. Non o vexo contrario a unha filosofía de protección de dereitos dos animais.
Comment by Neno — 29/06/ 2006 @ 8:34