NON á piscifactoría de Corrubedo
A paisaxe costeira galega ben conservada constitúe un valor en alza para os próximos anos,máis aínda se temos en consideración o feito de que o noso país vai contar cunha lei de protección paisaxística. Ademais a dimensión da planta é desproporcionada ( calquera das dúas propostas) para un enclave tan relevante e visitado. Para o turismo tería unha repercusión nefasta, tanto para as visitas ó faro coma para a propia aldea de Corrubedo e o seu parque natural.
Precisamente esta zona pode contribuír a desconxestionar a presión turística dentro do propio Parque ofrecendo unha maior oferta ós visitantes e residentes, e para o que se debe tomar coma punto clave para a dinamización turística do entorno as propias instalacións infrautilizadas do faro.
CATALOGACIÓN DO ESPACIO: Excluído do proceso de designación da Rede Natura 2000 baixo non se sabe que criterios. A área reúne as mesmas características das zonas anexas que están protexidas pola Rede Natura, cumprindo os mesmos criterios técnico científicos empregados para a selección destas áreas naturais A súa construcción impediría definitivamente calquera posibilidade de AMPLIACIÓN DO PARQUE NATURAL OU INCLUSIÓN NA REDE NATURA: Dende un punto de vista da paisaxe coma dos seus valores naturais esta área aporta o P. Natural elementos moi pouco representados no mesmo, coma son as formacións de interese xeomorfolóxico coñecidas coma coídos ou boleiras de Corrubedo, de singular peculiaridade e rareza pola súa escasa distribución e dinámica, e que veñen acompañadas dunha faixa liquénica ben tupida e de alto valor ecolóxico.
Igualmente destaca o mantemento dunha estructura agraria tradicional, de interese etnográfico e cultural (na que destaca o sistema de peches a modo dunha rede de balados de pedra e camiños que configuran unha xenuína paisaxe labiríntica de agras).
Esta disposición no aproveitamento e uso do solo ten unha indubidábel importancia ecolóxica, xa que entre outras dispensa áreas de refuxio descanso e alimento a multitude de pequenas aves algunhas delas ameazadas incluso a nivel mundial e censadas dentro do parque.
Estas dúas estructuras contribúen o mantemento e fomento da biodiversidade no conxunto do espazo protexido, e facilitan a conectividade ecolóxica e o mantemento dunha boa calidade de varios dos hábitats de especial importancia dentro do parque natural. É dicir, constitúe unha área necesaria de amortecemento do parque diminuíndo as consecuencias de deterioro ambiental dos elementos protexidos que figuran no borde do Parque.
É máis, dada a ubicación desta área, situada entre dous espazos protexidos relevantes e que comparten semellanzas, non se debería autorizar ningunha actuación mentres non fora aprobado o PRUX (Plan Rector de Uso e Xestión) do Parque e o Plan de Conservación do espazo Rede Natura. Calquera outra cousa supón actuar a cegas en materia de ordenación do territorio, curtopracista, e apostar por riscos imprevisibles.
Un PRUX rigoroso do Parque debería conter coma conclusión referida á Punta do Corvo algo así: "Todo o entorno do Cabo Corrubedo, dadas as súas características de conservación ecolóxica e grado de naturalidade e por estar situado nunha área entre espazos protexidos, e vistas as previsións de ocupación urbanística de todo o espazo costeiro da zona, aporta elementos de interese ecolóxico pouco representados dentro do Parque Natural e que sen dúbida ampliarían e redundarían na consecución dos obxectivos de conservación pretendidos por esta figura. Ademais de constituir unha zona de amortecemento, o entorno do cabo de Corrubedo constitúe o principal espazo a incluir ante unha posible ampliación do Parque Natural, e incluso do propio Parque Nacional no caso de incorporarse no futuro Corrubedo. Debe ser avaliada seria e rigorosamente a potencialidade desta área antes de adoitar calquera outra previsión de ocupación do territorio, sendo prioritaria a súa conservación no estado actual e posible incorporación ó P.NATURAL ante calquera outra actuación pretendida para o mesmo lugar".
Ollo ¡, que algúns dos que rexeitan o da piscifactoría mobilizaranse contra dela para defender outros intereses igualmente antepostos,ou piores, á conservación dos valores do lugar, pretendendo para as mesmas parcelas a posibilidade de construir unha urbanización de apartamentos luxosos en primeira e segunda liña de costa.
Tamén pode reproducirse unha situación semellante no outro extremo do parque na Punta de Aguiño, ameazada cun proxecto de piscifactoria que afectaría as augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero tamén existen intereses urbanísticos para eses terreos, última opción que parecer apoiar o Concello de Ribeira.
