03/07/ 2006

Non máis herbicidas nas nosas estradas

ADEGA denuncia o uso de herbicidas para "acondicionar" as marxes dalgunhas estradas galegas.

Estas práticas, ademáis de contribuir á contaminación química dos acuíferos e ao envelenamento do medio, son un factor engadido de risco de incendios pola cantidade de biomasa vexetal seca que se amorea nas cunetas. ADEGA reclama o abandono destas práticas e a substitución por traballos de rozado mecánico con recuperación da materia orgánica.

ADEGA ten documentado estas práticas en diversas estradas de titularidade autonómica, provincial e local. Nalgunhas estradas, como a AC-543 ou a AC-550 podemos atopar amplos treitos coas dúas marxes inzadas dunha alta vexetación herbácea de rechamante cor amarela, en contraste co verde das eiras e brañas. Estes traballos adoitan facerse ademáis ao final da primavera ou a principios de verán, cando o mato está moi medrado e hai máis cantidade, permanecendo así durante os meses do verán.
 
As consecuencias da fumigación non poden ser más nefastas:
os agroquímicos son arrastrados polas chuvias e contaminan os acuíferos, ademáis de afectar aos seres vivos pasando a formar parte das cadeas tróficas. Deste xeito, especies vexetais e animais que non eran o obxectivo dunha fumigación mal chamada "selectiva" tamén se ven expostos a estas substancias. Tense documentado por exemplo, que o declive da rula en Galiza se agudizou a partir de 1984, e que ao parecer este feito non é alleo ao emprego masivo de agrotóxicos na agricultura e na limpeza das cunetas (datos do Libro Vermello dos Vertebrados en España). E non só estamos a falar da fauna silvestre: temos recibido denuncias sobre o consumo dos vexetais das cunetas fumigadas por vacas en zonas con explotacións gandeiras.
 
Existen estudos botánicos sobre a vexetación que medra nas cunetas. Non é casualidade que unha das primeiras Guías de Campo que se publicou no estado, a de Oleg Polunin & Smythies, fixera referenza a esta curiosa flora, mesmo incluindo algunhas láminas específicas para as especies dos bordes das estradas. Esta flora, aliás de colorista, é tamén interesante científicamente e presenta adaptacións botánicas curiosas, atopándose por veces endemismos de interés protexidos polas leis estatais e autonómicas.
 
Por outra banda, os métodos de rozado químico non supoñen unha maior seguridade contra os lumes, ben ao contrario: os restos atacados e o mato murcho seguen sendo altamente combustibles e fican á beira das estradas agardando por unha cabicha mal apagada.
 
Por iso ADEGA reclama das administracións competentes, Xunta, Deputacións e Concellos o abandono dos tratamentos químicos para limpar as beiras das estradas, e que do mesmo xeito que ocorre nos espazos protexidos, sexan substituidos por rozados mecánicos selectivos con recuperación da materia orgánica para a fabricación de compost.

1 Comment »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/07/03/non-mais-herbicidas-nas-nosas-estradas/trackback/

  1. ADEGA denuncia o emprego de herbicidas nas estradas galegas

    ADEGA denuncia o uso de herbicidas para “acondicionar” as marxes dalgunhas estradas galegas. Estas práticas, ademáis de contribuir á contaminación química dos acuíferos e ao envelenamento do medio, son un factor engadido de risco de incendios…

    Trackback by chuza.org — 03/07/ 2006 @ 23:32

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here