10/07/ 2006

Medio Ambiente desbota o proxecto de piscifactoría en Corrubedo

Este luns 10 de xullo, no decurso da primeira reunión do COGAMA (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible), o Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, en resposta á reclamación de ADEGA de desbotar o proxecto de macropiscifatoría de Stolt Sea Farm e incluir a Punta dos Corvos este territorio na Rede Natura, anunciou que NON SE VAI INSTALAR NINGUNHA PISCIFATORÍA NESTE ESPAZO. Aliás, manifestou tamén o compromiso do seu departamento de incorporar esta área á Rede Galega de Espazos Protexidos, cunha figura de protección acorde cos valores naturais desta costa.

 

Dende ADEGA acollemos con satisfacción esta decisión, que non é allea á intensa campaña levada a cabo por ecoloxistas e veciños en defensa do medio ambiente de Corrubedo en particular, e da Rede Natura galega en xeral. Os casos das macropiscifatorías de Corrubedo, Touriñán e Rinlo, recentemente desbotados pola administración ou o propio TSXG, poñen de manifesto o compromiso e a madurez da sociedade galega na defensa do noso Patrimonio Natural. No entanto, lembramos á administración a urxencia de ampliar a cativa Rede Natura Galega (a penúltima en extensión de todo o estado) e de dotar a esta e a outras áreas protexidas dos correspondentes PORNs (Planos de Ordeación dos Recursos Naturais) e PRUXs (Planos Regulamentadores de Uso e Xestión), para facer compatíbel a conservación dos valores naturais co aproveitamento sustentábel dos seus inmensos recursos económicos, sociais, culturais, etc.

Temos tamén que por de manifesto que aínda penduran ameazas herdadas da planificación insustentábel e depredadora deseñada polo anterior governo sobre outros espazos protexidos da costa e o interior. É unha herdanza envelenada que, como o Planos Sectoriais Hidroeléctrico e Eólico ou o propio Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, segue a condicionar en grande medida a nova planificación sectorial que precisa este país, hipotecando as posibilidades de acadar un desenvolvemento sustentábel nos planos ecolóxico, económico, e social.

ADEGA reafirma o seu compromiso irrenunciábel coa defensa ecolóxica de Galiza, e a súa vontade de seguir alerta contra os proxectos que maltraten o noso patrimonio natural. No día de hoxe, e a falla dunha definitiva confirmación oficial, a cidanía galega e o pobo de Corrubedo pode comezar a albiscar un futuro verde para este outro cabo do mundo.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/07/10/medio-ambiente-desbota-o-proxecto-de-piscifactoria-en-corrubedo/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here