13/07/ 2006

Tres minicentrais sobre o río Xallas ameazan a conservación da Devesa de Anllares.

Considerada a carballeira atlántica máis occidental de Europa e segunda en extensión da provincia de A Coruña.
 
A FEG solicita á Consellería de Medio Ambiente que sexan rexeitados os tres novos proxectos de aproveitamento no río Xallas solicitados pola empresa Ferroatlántica, proxectos publicados no DOG o 22 de maio para exposición pública. A FEG lamenta que no caso de concederse, ademais de verse afectada a devandita carballeira, estragaríase definitivamente toda a bacía do río Xallas, precisamente aproveitando os treitos mellor conservados do río e que se atopan encaixados entre os granitos das estribacións do Pindo antes de chegar ó encoro de Santa Uxía, este último coñecido por secuestrar dende o ano 1988 as augas que vestían á espectacular fervenza do Ézaro.
 
A FEG considera inadmisible que despois da recente aprobación no Parlamento Galego da ILP dos ríos, e incluso de xeito tan inmediato, se poida contemplar por parte de Augas de Galicia a posibilidade de tramitación do aproveitamento hidroeléctrico integral do río Xallas, proxecto que se remonta ó ano 2000. Se temos en conta o importante compromiso adquirido na iniciativa de Lei para garantir a protección, conservación e mellora do patrimonio natural dos ríos galegos, non se comprende como é posible que, sendo o río Xallas o sistema fluvial que maior potencia instalada en MW ten dentro dos 19 sistemas de explotación hidroeléctrica da Confederación Hidrográfica Galicia-Costa aínda se pretenda expremer máis a súa bacía.
 
Neste senso recordar que o Xallas posúe unha potencia instalada de 134 MW o que supón o 28,13% de Galicia-Costa, repartidas en catro centrais, sendo o encoro da Fervenza o maior en canto a ocupación en hectáreas, e a sabendas de que o encoro de Santa Uxía vulnera o caudal ecolóxico establecido pola Lei de Pesca Fluvial, grazas a unha concesión do 2001 para a modificación de aproveitamento na bacía do Xallas, a cambio de liberar caudal bruscamente durante dúas horas os fins de semana e 10 festivos ó ano, provocando ademáis que o leito do río quede seco moitas veces ó ano. Neste eido agardamos que o goberno galego inicie o camiño para recuperar o que a fervenza foi ata o ano 1988, e que de xeito inmediato se respete o artigo 22 da Lei 7/1992, de Pesca fluvial, e no que se especifica o mantemento dun caudal ecolóxico e a obrigatoriedade de respectar a liberación paulatina dos caudais resultantes do aproveitamento hidraúlico.
 
A FEG destaca ademais que as marxes fluviais que van resultar afectadas no caso de realizarse o encoro de Ponte Olveira II e o encoro de Novo Castrelo, contan na súa ribeira esquerda coa presenza do segundo bosque atlántico máis grande da provincia de A Coruña e tamén máis occidental de Europa, a nomeada Devesa de Anllares, imbrincada nas inmediacións graníticas do Pindo e contando coa presenza de elementos de flora e fauna moi ameazados en Galicia coma é o caso do carballo anano (Quercus lusitanica) ou a lagartixa da serra (Lacerta monticola). Na actualidade as carballeiras atlánticas practicamente están desaparecidas das zonas máis próximas ó litoral galego, motivo polo cal a FEG pide que a Devesa de Anllares se lle outorgue unha merecida protección e sexa incorporada a Rede Natura 2000, e na que se podería protexer unha superficie aproximada de 250 ha. correspondentes á propia devesa e os bosques de ribeira do río Xallas e os seus destacados atributos xeomorfolóxicos e paisaxísticos.
 
Con data de 17 de agosto de 2000 a FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA enviaba o seguinte
 
Villar Mir quere todo o río Xallas para el.
 
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) oponse ao proxecto de aproveitamento hidroeléctrico integral do río Xallas presentado por Ferroatlántica, propiedade do empresario Juan Villar Mir. Asemade, demanda unha vez máis a recuperación permanente da fervenza na que o río Xallas desemboca no mar, “monumento natural” practicamente único en Europa.
 
O proxecto de aproveitamento integral da conca media e baixa do río Xallas prevé a construcción de 3 novas centrais hidroeléctricas para aproveitar mellor os catro encoros do río (Fervenza, Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía). Este proxecto suporía a práctica desaparición do río como tal, pois o seu caudal veríase sensibelmente reducido nos tramos situados entre os encoros.
 
O proxecto de Ferroatlántica transformaría o río Xallas, xa notabelmente alterado polas 5 centrais existentes na actualidade, nunha canle cun caudal mínimo. Afectaría moi negativamente a especies faunísticas como a lontra e a troita e a algunhas especies de plantas ameazadas de extinción no noso país.
 
O Goberno galego non pode entregar totalmente o aproveitamento dun valioso patrimonio colectivo á empresa de Juan Manuel Villar Mir. A Consellería de Medio Ambiente non debería permitir a realización dun proxecto que suporía a transformación total do río Xallas nunha sucesión de encoros hidroeléctricos.
 
Por outra banda, a FEG considera un avanzo absolutamente insuficiente a recuperación da fervenza do Xallas media hora á semana durante o verán. A ningunha empresa se lle debería consentir a apropiación total dun tramo de río nin unha soa hora, moito menos durante o 99,9% das horas do ano.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/07/13/tres-minicentrais-sobre-o-rio-xallas-ameazan-a-conservacion-da-devesa-de-anllares/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here