Ante a gravidade dos feitos, ADEGA pon en marcha unha rede de alerta cidadá
OS CONTINUOS VERTIDOS AFOGAN AO RIO SAR
O Río Sar ao seu paso por Santiago de Compostela estase convertindo nunha cañeira a ceo aberto. O degradado e maltratado rio Sar está a sufrir numerosos e habituais vertidos industriais e urbanos. Estes vertidos relizanse moitas veces en datas vacacionais e aproveitando as horas nocturnas o que os fai se cabe máis deplorábeis.A depuradora de augas residuais de Santiago de Compostela non ten capacidade para tratar as augas residuais e adoece dende hai moitos anos dunha enorme falta de inversións. O colector de augas residuais do Milladoiro sofre roturas frecuentes e a papeleira de Brandia segue vertendo puntualmente antes e despois dos arranxos feitos que non colman as aspiracións de ter un rio Sar como se merece a cidadania de Compostela, é dicir limpo.
Tamén é frecuente usar permisos de obras caducados para realizar supostas melloras ambientais que logo non se axustan aos proxectos iniciais. Augas de Galiza non dispón de persoal suficiente para atender axeitadamente as inspeccións e as denuncias e o SEPRONA sufre unha falta crónica de medios materiais e humanos a pesar do bo traballo e da boa vontade dos seus integrantes.
ADEGA ten comprobado numerosas ocasións que a sociedade civil organizada é efectiva evitando as agresións ao meio ambiente de xeiro máis efectivo que as numerosas leis e organismos que fican moitas veces en papel mollado. A pesar disto, ADEGA recomenda denunciar sempre estes feitos para deixar constancia dos problemas ambientais que hai xa que se non se denuncia resulta moito máis difícil actuar nestes problemas. Alén. É un xeito de chamar a atención sobre a ineficacia e a falla de medios e de compromiso ambiental dunhas administracións que pagamos entre todos/as.
Por este motivo ADEGA envía unha convocatoria a toda a cidadania da Comarca de Compostela para entre todos/as formar unha rede de alerta cidadá contra as agresións ao medio natural. Para isto, poñemos a disposición de todos os veciños e veciñas de Compostela e a súa área de influenza o telefone/fax 981 570099, ao que poden chamar de luns a venres, de 10 a 14 e de16 a 19 horas.

ADEGA pon en marcha unha rede de alerta cidadá pra protexer o Rio Sar e denunciar as agresións ao medio natural
ADEGA envía unha convocatoria a toda a cidadania da Comarca de Compostela para entre todos/as formar unha rede de alerta cidadá contra as agresións ao medio natural. Para isto, poñemos a disposición de todos os veciños e veciñas de Compostela e …
Trackback by chuza.org — 22/07/ 2006 @ 12:50