Liberdade para o Xallas: basta xa de afresións aos nosos ríos
ADEGA ven de presentar alegacións aos novos aproveitamentos hidroeléctricos solicitados no Xallas por FerroatlánticaPRIMEIRA:
O río Xallas é o sistema fluvial con maior potencia instalada dentro dos sistemas de explotación hidroeléctrica dentro das bacías de Galiza-Costa. Son 134 MW o que supón o 28,13% do total da potencia instalada en Galiza-Costa repartidos en catro centrais, sendo o encoro da Fervenza o maior en canto a ocupación en hectáreas. Entendemos que a concesión destes novos aproveitamentos sobardan a capacidade de recuperación ambiental deste río, comoprometendo gravemente a súa viabilidade ecolóxica. Ademáis, instalacións como o encoro de Santa Uxía vulneran o caudal ecolóxico establecido polo artigo 22 da Lei 7/1992, de Pesca Fluvial, e o artigo 75 do regulamento 130/1997 que desenvolve a devandita lei. Neste caso unha concesión do 2001 modificou este aproveitamento na bacía do Xallas, a cambio dunha brusca liberación de caudal durante dúas horas os fins de semana e 10 festivos ao ano, provocando que o leito do río fique prácticamente seco en épocas de estiaxe, con caudais medios por baixo dos 0,5 m3/s. Incúmprese deste xeito a obrigatoriedade de respectar a liberación paulatina dos caudais resultantes do aproveitamento hidraúlico e as propias directrices do Plano Sectorial Hidroeléctrico Galiza-Costa. Neste senso, para ADEGA resulta inadmisíbel que se autoricen novos aproveitamentos no Xallas que veñen a agravar a situación criada polos reiterados incumprimentos dos caudais ecolóxicos e do rexime de liberación dos fluxos encorados.
SEGUNDA:
O proxecto supón a construción, para os aproveitamentos de Ponte Olveira II e Novo Castrelo, de entubamentos e tuberías forzadas ao longo de 434 m e 1550 m respeitivamente, así como de liñas de evacuación aéreas de 2646 m. Estas obras, sen desprezar os impactos temporais dos labores de construcción, implicarán unha forte e permanente transformación do medio afectando á zona de esponxa do río e ao bosque de ribeira, que desenvolve importantes funcións ecolóxicas e que cómpre conservar e ampliar. As instalacións e obras complementares limitan seriamente as posibilidades de recuperación de amplos treitos do Xallas, até o de agora de difícil acceso, que poderían converterse nun espazo natural de considerábel interese local.
TERCEIRA:
As marxes fluviais afectadas polas obras e instalacións dos aproveitamentos da Ponte Olveira II e de Novo Castrelo, contan na súa ribeira esquerda coa presenza do segundo bosque atlántico máis grande da provincia de A Coruña e o máis occidental de Europa: a Devesa de Anllares. Na veciñanza do LIC Carnota-Monte Pindo, e sobre un sustrato granítico de notábel interese xeomorfolóxico e paisaxístico, nesta área están presentes elementos de flora e fauna moi ameazados en Galiza coma é o caso do carballo anano (Quercus lusitanica) ou a lagartixa da serra (Lacerta monticola). Na actualidade as carballeiras atlánticas practicamente están desaparecidas das zonas máis próximas ao litoral galego, motivo polo que tanto ADEGA como a FEG (Federación Ecoloxista Galega) propuxeron no ano 2000 a inclusión dunha extensión de 250 Ha da Devesa de Anllares e os bosques de ribeira do río Xallas na Rede Natura 2000.
CUARTA:
No río Xallas non se ten feito un estudo de impacto ambiental para toda a bacía do río que teña en conta as sinerxias negativas que sobre o medio natural producen o conxunto dos encoros, centrais hidroeléctricas, parques eólicos e liñas de evacuación presentes neste entorno. Tampouco se teñen valorado as afeccións ambientais que estas e outras obras tiveron na desembocadura do río e no medio litoral local, para coñecer a súa incidencia sobre o ecosistema costeiro e, por exemplo, a importante producción pesqueiro-marisqueira desta área. Portanto, non nos parece procedente autorizar novos aproveitamentos na bacía deste río sen coñecer a incidencia rexional e as sinerxias negativas destas e as anteditas instalacións.
QUINTA:
As centrais hidroeléctricas unha importante fonte potencial de graves impactos ambientais negativos. A sociedade galega, consciente deste feito, promoveu unha Iniciativa Lexislativa Popular para a protección, conservación e millora dos ríos galegos, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego o pasado 21 de xuño e entrou en vigor como Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a Protección, a Conservación e a Mellora dos Ríos Galegos. Atendendo aos contidos desta ILP, consideramos inadmisíbel e contrario aos preceitos desta norma que se poida contemplar por parte de Augas de Galiza a posibilidade de ampliacións ou novas concesións no río Xallas. Entendemos que Augas de Galicia debería proceder á inmediata paralización de todos os trámites de ampliación e novos aproveitamentos hidroeléctricos, incluídos estes no río Xallas, mentres non se revise a planificación sectorial marco, isto é os Plano Hidrolóxico de Galiza-Costa e o Plano Sectorial Hidroeléctrico de Galiza-Costa consonte aos artigos 1.1, 1.2 e 1.3 e 2 da ILP, e á Directiva 2000/60/CE (Directiva Marco da Auga).
SEXTA:
A producción eléctrica dos aproveitamentos solicitados non supoñen, como se dí na memoria dos proxectos, beneficios sociais significativos para a poboación local e galega, e por contra conlevan serias afeccións ambientais. Neste senso, cómpre lembrar que a empresa promotora, Ferroatlántica, ostenta o prático monopolio dos aproveitamentos hidroeléctricos neste río, de xeito que a enerxía e as plusvalías xeradas revirten únicamente no seu beneficio privado, trasladando os cutos ambientais a toda a sociedade galega. Non nos parece ético nin socialmente xusto que a unha empresa se lle consinta a apropiación total dun tramo de río durante o 99,9% das horas do ano. Ademáis, Ferroatlántica ten contraído unha importante débeda ecolóxica coa cidadanía deste país, polo secuestro dunha das marabillas naturais de Galiza, a fervenza do Xallas no Ézaro e pola contaminación cos efluentes do proceso industrial vertidos a cano libre durante anos da ría de Corcubión. Un recente estudo da USC confirma a presenza de elevados níveis de metais pesados e hidrocarburos nos fondos nesta ría, que están a provocar problemas no sector extractivo, cuxa procedencia parece apontar fundamentalmente ás instalacións de Ferroatlántica. Portanto, dende o ponto de vista social non se xustifica a concesión dos aproveitamentos solicitados atendendo a razóns de interese público ou social (postos de traballo, investimentos en áreas rurais, etc), cando esta empresa é a causante do grave deterioro dun sector chave para a economía local e galega, o pesqueiro-marisqueiro, que xera moitos máis postos de traballo e beneficios sociais. Neste senso, as administracións públicas deben tutelar e garantir os intereses xerais por riba de calquera interese privado. Por todo o anteriormente exposto, ADEGA solicita que non se outorguen os aproveitamentos solicitados pola empresa Ferroatlántica na cunca do río Xallas.
