ADEGA Demanda a paralización dos planos sectoriais en vigor para axeitalos á nova Lei de Avaliación ambiental estratéxica
O pasado 29 de abril o Congreso aprobou a Lei 9/2006 sobre Avaliación dos Efeitos dos Planos e Programas no Medio Ambiente, máis coñecida como Lei de Avaliación Ambiental Estratéxica, que traspón a Directiva 2001/42/CE con 5 anos de retraso con respeito a outros estados europeos.
Esta lei establece a obriga de realizar unha avaliación ambiental dos planos e programas das administracións públicas durante o proceso de preparación e adopción e sempre antes da súa aprobación. Trátase dun instrumento de prevención, cautela e integración que resposta ás esixencias establecidas pola normativa comunitaria. Como medida de prevención e cautela, precisarase coñecer os impactos significativos previsíbeis para telos en conta na planificación, e evitar danos ao ambiente. A norma incidirá no xeito de traballo das administracións facendo que os impactos no medio estén presentes dende o inicio da planificación de calquera infraestrutura.
Para o desenvolvemento da Avaliación Ambiental Estratéxica, a administración responsábel de avaliar un plano ou programa deberá previamente elaborar o Informe de Sustentabilidade Ambiental (ISA), que inclúe toda a información necesaria sobre os impactos no medio, como se solucionan e que opcións alternativas son as mellores ambientalmente para conquerir os obxectivos, por exemplo, dunha actuación sectorial. O Informe de Sustentabilidade Ambiental (ISA) e o plano inicial pasan por un proceso de consulta pública, que incluirá tamén consultas transfronteirizas caso de que outros países foran afectados polos planos elaborados no estado.
A Xunta de Galiza ven de anunciar que someterá a Avaliación Ambiental Estratéxica os PXOM en marcha, mais non abonda. ADEGA lembra que seguen en vigor planos sectoriais fortemente insustentábeis herdados do anterior governo como o Plano Sectorial Eólico, o Plano Sectorial Hidroeléctrico e o Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria. Desta planificación herdamos un fato de piscifatorías no litoral, de novos aproveitamentos hidroeléctricos (como os do Xallas), e de parques eólicos en Rede Natura, que están a ser tramitados polo novo governo coa excusa de estar obrigados por unha planificación xa aprobada.
ADEGA reclama da Xunta que non continúe parcheando os planos caducos, insustentábeis e depredadores herdados do PP, e que proceda á súa inmediata paralización. E aínda que a nova Lei de AAE só é de aplicación con posterioridade ao 21 de xullo de 2004, entendemos que o feito de manter a planificación sectorial da era Fraga por parte do novo governo contravén o espírito da Lei de AAE e frustra as posibilidades de corrixir os graves impactos ambientais que aínda hoxe causan eses proxectos.
