03/08/ 2006

Residuos radiactivos e enerxía nuclear

Filed under: Enerxía

Estes días, o Ministerio de Industria está promovendo unha campaña publicitaria para captar concellos susceptíbeis de albergar o Almacén ¿Temporal? Centralizado (ATC) para os residuos radiactivos das centrais nucleares españolas. Paralelamente, o mesmo Ministerio de Industria ven de sancionar con 1,6 millóns de € á central nuclear de Vandellós II por tres infracións graves relativas ao grave “incidente” ocorrido o 25 de agosto de 2004.

Estes novos episodios poñen en evidencia, unha vez máis, que, a pesar das moitas medidas de seguridade e de control que as empresas nucleares e da tecnoloxía nuclear, nunca será posíbel eliminar riscos e ameazas. ADEGA insiste, por elo, na necesidade de abandonar a enerxía nuclear e poñer data de caducidade ás centrais en funcionamento. Aliás, reclamamos que sexan as empresas as responsábeis de xestionar os seus refugallos alí onde os producen e que non trasladen á cidadanía a responsabilidade e os custos do seu tratamento.
 
O 14 de decembro de 2004 a Comisión de Industria do Congreso dos Diputados instaba do goberno a construción dun Almacén Temporal Centralizado (ATC) para os residuos nucleares de alta actividade e longa vida (os provintes das centrais nucleares). Até o de agora, o combustíbel gastado e demáis residuos de alta actividade están sendo depositados nas piscinas ao efecto de cada central nuclear (Almacenamento Transitorio Individual, ATIs) mentras que os de baixa e media actividade se almacenan nas instalacións que ENRESA xestiona en EL CABRIL (Córdoba). No ano 2000 entrou en funcionamento o cemiterio nuclear de Trillo (Guadalaxara) e xa hai un proxecto de ATI para central de Zorita que se pechou este ano. No entanto, os refugallos de alta actividade de Vandellós I (Tarragona) que se enviaron a reprocesar a Franza tralo accidente de 1989 teñen que volver a España antes de 2011, baixo multa de 57.000 € por cada día de retraso. Isto significa que para entón ten xa que estar habilitado algún xeito de facerse cargo destes refugallos. Tamén no 2009 e 2010 expiran os permisos provisionais de explotación de Garoña (Burgos) e Almaraz (Cáceres) e prevese que no 2013 encherase a piscina de combustíbel gastado de Ascó I (Tarragona).
 
Neste momento, despóis de ter aprobado o pasado 23 de xuño o VI Plan Xeral de Residuos Radiactivos e a constitución dunha comisión interministerial para promover o Almacén Temporal Centralizado, o governo central puxo en marcha unha ampla campaña de publicidade na prensa escrita e na web solicitando concellos candidatos para a ubicación do Almacén Temporal Centralizado a cambio, para millor convencer, de importantes compensacións en dotacións e infraestruturas, postos de traballo ou beneficios económicos. Aos poucos días apareceron xa ofertas coma a de Peque (Zamora) que suscitou o rexeitamento dalgúns concellos galegos veciños á comarca de Sanabria. No entanto non debemos descartar que en Galiza poida aparecer algún governo municipal disposto a sumarse ao “negocio” dos investimentos e dotacións prometidas.
 
Dende ADEGA queremos adiantarnos a este debate expoñendo os principais argumentos en contra dun modelo de xestión dos refugallos radiactivos das nucleares que traslada á cidadanía a responsabilidade da súa xestión, ficando a industria só cos beneficios xerados.
Os residuos radiactivos:un problema innecesario de difícil solución.
No estado español, os isótopos radiactivos úsanse actualmente en aplicacións médicas, en control de calidade e investigación de materiais, en datacións arqueolóxicas, en investigacións na física de partículas, etc. Pero é a industria da xeneración eléctrica nuclear a que produce a meirande parte dos de maior actividade e longa vida. Segundo datos do sector prodúcense anualmente unhas 1.700 Tm de refugallos radiactivos acadando, segundo os tipos, as seguintes cifras e previsións:
 
Periodo
Residuos de baixa e media actividade (vida media ≤ 30 anos)
Combustíbel gastado e residuos de alta actividade (vida media > 30 anos)
Até 31/12/2005 37.200 m3 3.370 toneladas
Até o final da vida útil das CC.NN 176.000 m3 19.571 toneladas de elementos combustíbeis (6.774 toneladas de U) ocupando un volume de 12.800 m3. Destes refugallos os de media e baixa actividade almacénanse nas instalacións de ENRESA en El Cabril (Córdoba) e o combustíbel gastado e de demáis refugallos de alta actividade almacénanse nas piscinas de cada unha das centrais nucleares.
 
O ATC será, segundo as intencións do governo, o lugar onde gardar os refugallos durante uns 100 años, suficiente para que os que fixemos uso da electricidade nuclear, os políticos que tomaron a decisión de construir centrais e os que se lucraron con elas xa non conten, e deste xeito deixar ás vindeiras xeracións a responsabilidade de xestionar os materiais radiactivos. A vida media destes isótopos oscila entre os 70.000 anos do 90Sr até os 4.470 millóns de anos do 238U. Portanto, alén da insolidariedade coas xeracións futuras, xestionar estes refugallos durante tanto tempo precisa dunhas condicións de estabilidade (xeolóxica, social…) que ninguén pode garantir, convertíndose nunha hipoteca para o futuro do planeta.
 
A enerxía nuclear: un proceso tamén éticamente suxo
Outros aspectos sobre os que ADEGA convida a reflexionar á hora de plantexar a opción nuclear e as alternativas para xestionar os seus refugallos son:
- O sector nuclear ten importantes vencellos coa industria bélica e as armas atómicas. As centrais nucleares son instalacións necesarias para a obtención do compoñente principal das bombas: o uranio enriquecido ou o plutonio. O primeiro uso da enerrxía nuclear tén sido, – non pode esquencerse -, as bombas de Hiroshima e Nagasaki e a recente crise iraniana polas pretensións deste país de comenzar un programa de enriquecimento de uranio é un bo exemplo.
- Os promotores e xestores da enerxia nuclear teñen amosado en moitas ocasións a súa irresponsabilidade e desinterés polas consecuencias do seu negocio. Cómpre lembrar as moitas mobilizacións sociais que fixeron falta para paralizar o vertido de refugallos radiactivos na foxa atlántica ou os anteriores proxectos de almacenamento xeolóxico profundo, que trataban simplemente de desentenderse para sempre dos residuos radiactivos sen ningunha preocupación polas consecuencias ambientais e de saúde.
 
En ADEGA pensamos que isto mesmo é o que pretenden agora as empresas da xeración nuclear con este Almacén ¿Temporal? Centralizado. Outro exemplo de irresponsabilidade por parte das empresas á hora de xestionar os seus “incidentes” é a recente multa de 1,6 millóns de € que o Ministerio de Industria ven de impoñer á central de Vandellós II (Endesa-Iberdrola). O “suceso”, un fallo grave no circuito de refrixeración esencial, foi calificado no seu día (agosto de 2004) polo Consello de Seguridade Nuclear como o segundo máis grave na historia da enerxía nuclear en España, despois do accidente de Vandellós I en 1989 e que provocou o seu peche. Con todo, esta multa parécenos ridícula e pouco disuasoria porque Vandellós II factura diariamente 2,4 millóns de €. Alén diso, o réxime sancionador das infraccións á seguridade nuclear emana dunha lei franquista: a Lei 25 sobre Enerxía Nuclear de 1964.
- Sería bon non esquencer tampouco a total imprevisión das nucleares con relación, precisamente, aos refugallos que xeran. Por exemplo, a central nuclear de Trillo saturou no 2003 a súa capacidade de almacenamento tendo que improvisar sitio suplementario. Case todas as demáis necesitarán tamén de almacén suplementario antes do 2010, por non dicer que ningunha delas pensou responsabilizarse dos refugallos procedentes do seu desmantelamento ao final da súa vida útil: os refugallos de Vandellós I e Garoña foron mandados fóra e terán que retornar a España antes de 2010.
 
Propostas de ADEGA sobre o almacenamento temporal centralizado:
A xestión dos refugallos radiactivos da centrais nucleares non pode separarse da decisión sobre o futuro da enerxia nuclear, entre outras cousas porque, non é posíbel prever a cantidade de residuos que deberemos xestionar no futuro. Sobre a proposta deste ATC, o primeiro que compre dicer é que se trata dun almacenamento que, polo que pode preverse dos coñecementos da ciencia e tecnoloxía actuais, terá que ser permanente, salvo que se volva optar pola irresponsabilidade e irracionalidade de vertelos no fondo do mar ou enterralos en capas xeolóxicas profundas. Non podemos negar que, en relación ás propostas anteriores, este almacenamento temporal centralizado parece moito máis racional e responsábel. Sen embargo, hai que dicer que con este modelo de xestión, as empresas siguen tratando igualmente de liberarse da responsabilidade xestionar os seus refugallos pretendendo transferila ao conxunto da sociedade, evitando de paso os enormes custos que vai representar manter durante miles e miles de anos este depósito centralizado, mentras acumulan máis e máis beneficios: toda unha proposta, pois, eticamente inaceptabel e socialmente inxusta. Cando estamos a falar do principio de quen contamina paga ou de tratar de internalizar nos custos do proceso produtivo o custo ambiental e social, non parece coerente que teñamos que ser todos e todas nós quenes ademais de soportar os impactos ambientais e os graves riscos e amenazas das nucleares, teñamos que soportar tamén os enormes custos que se van derivar de ter que xestionar estes refugallos durante miles e miles de anos.
 
A este respeito, ADEGA propón concretamente:
- Establecer un calendario para o abandono da enerxía nuclear antes de decidir sobre o almacenamento centralizado dos refugallos.
- Mentras, deben ser as nucleares as que como até de agora, se sigan facendo cargo da xestión dos seus propios refugallos de xeito que:
    a) se almacenen onde se produzan, isto é, nas propias centrais, evitando o trasego de materiais radiactivos.
    b) se almacenen de xeito accesíbel (para permitir a inspección e o mantemento), vixiado (para detectar inmediatamente calquera eiva) e recuperábel (para poder acceder a eles de inmediato).
 
- A industria nuclear deberá afrontar os custos totais derivados da xestión dos refugallos e do eventual desmantelamento das centrais. A cidadanía non ten por que pagar esta fatura, que na actualidade repercute no noso recibo eléctrico, violando o principio de “quen contamina, paga”. Sobre a oferta do Concello de Peque (Zamora): En canto á oferta do concello de Peque (Zamora) para a ubicación neste término municipal deste Almacén Centralizado de residuos radiactivos, entendemos a preocupación do Sr. Alcalde por millorar a calidade de vida e o nivel de emprego de todos os habitantes do concello, porque ademáis estes son uns dos dereitos constitucionais recoñecidos a calquer cidadán do Estado Español. Ten o alcalde de Peque toda a razón en reivindicar estes dereitos, pero non podemos aceptar que elo se faga a conta de poñer en risco a seguridade e a saúde pública de todos e todas para que, a cambio, as grandes empresas da enerxía nuclear podan seguir acumulando máis e máis enormes beneficios. Debe, pois, o Sr. Alcalde procurar outras oportunidades de desnvolvemento. Nelo sabemos que pode contar con todo o apoio dunha cidadanía galega que xa nos anos 80 se mobilizou masivamente en contra dos vertidos radiactivos na fosa atlántica.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/08/03/residuos-radiactivos-e-enerxia-nuclear/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here