Chamamento urxente da Comisión Permanente de ADEGA aos Concellos e a cidadanía de toda Galicia:
Ante o drama económico, social e ambiental desta avalancha de lume que arrasa Galiza dende hai unha semana; ante a dimensión incontrolada que están a tomar os incendios avivados polo vento e que sobrepasa calquer capacidade de meios técnicos e humanos, a Comisión Permanente de ADEGA, ademáis de reiterar da administración toda, – autonómica, local ou central e incluídos -, a solicitude que xa fixemos de que se poñan todos os recursos humanos e meios técnicos disponíbeis, incluídos os do exército, a disposición da loita contra o lume, fai un CHAMAMENTO URXENTE a toda a cidadanía de Galiza para que, na medida do posíbel, se poñan a disposición dos equipos de protección civicl dos concellos para colaborar na loita contra o lume no que os coordinadores de protección dispoña.
Dende a Comisión Permanente de ADEGA AVALIAMOS que, se ben o traballo de loita directa contra o lume tén que ser, por razóns de seguridade e de tamén de eficacia, un traballo bem organizado e dirixido polos expertos das equipas de extinción de incendios, son moitas as cousas nas que pode colaborar a povoación civil, como poden ser traballos de prevención, de intendencia e de vixiancia do monte para detectar calquer intento ou calquer foco inicial de lume; ou tamén a de exercer a vixiancia e control sobre incendios xa controlados para que non se volvan a reanimar.
Dende esta avaliación, solicitamos dos concellos que poñan a disposición dos voluntarios e voluntarias, ata o límite que sexa posible coordinar, os medios e a coordinación necesaria para poder mobilizar todos os esforzos contra o lume.
E Solicitamos dos meios de comunicación a colaboración neste chamamento á responsabilidade e á colaboración de todos.
