Ante a crise da pesca de baixura, ADEGA pide medidas urxentes de conservación antes de construir macropiscifatorías en espazos protexidos
CONSERVAR AS RÍAS E O LITORAL, GARANTÍA DE FUTURO
Estudos recentes confirman unha alarmante perda de biodiversidade nos mares do planeta, debido a práticas pesqueiras insustentábeis, que ameazan o futuro de moitas especies comerciais. As rías e a plataforma continental galega, un dos ecosistemas de maior produtividade biolóxica do mundo, non escapan a este declive. Nos últimos tempos, os stocks dalgunhas especies como a sardiña, o bocarte e o polbo baixaron considerabelmente nas nosas augas.
