08/11/ 2006

Ante a crise da pesca de baixura, ADEGA pide medidas urxentes de conservación antes de construir macropiscifatorías en espazos protexidos

Filed under: Litoral

CONSERVAR AS RÍAS E O LITORAL, GARANTÍA DE FUTURO

 

Estudos recentes confirman unha alarmante perda de biodiversidade nos mares do planeta, debido a práticas pesqueiras insustentábeis, que ameazan o futuro de moitas especies comerciais. As rías e a plataforma continental galega, un dos ecosistemas de maior produtividade biolóxica do mundo, non escapan a este declive. Nos últimos tempos, os stocks dalgunhas especies como a sardiña, o bocarte e o polbo baixaron considerabelmente nas nosas augas.

ADEGA ven recibindo denuncias de mariñeiros e armadores sobre a crise da pesca artesanal e as múltiples irregularidades froito da falta de control e planificación xeralizadas no sector: uso de aparellos de talla inferior á permitida, de mallas non autorizadas, exceso de capturas, incumprimento das tallas mínimas, etc. A isto hai que engadir a incapacidade da inspección pesqueira para controlar e reprimir estas práticas ilegais. No entanto, a Consellería de Pesca ven de anunciar medidas que inclúen rebaixas na talla mínima dalgunhas especies, que como o polbo, pasaría a ser de 750 g. ADEGA entende que estas medidas non respostan a unha planificación pesqueira sustentábel e van incidir negativamente sobre os stocks e a rendibilidade do recurso. Propostas coma estas, froito das presións dunha parte do sector pesqueiro, representan unha fuxida cara adiante, outro exemplo do “pan para hoxe e fame para mañán” que ameaza o futuro da pesca litoral.

Fronte a esta situación, ADEGA quere reflexionar tamén sobre as políticas que promoven o cultivo industrial de peixes en terra, descoidando a pesca e o marisqueo tradicionais. O nefasto Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria aprobado polo PP in extremis e aínda vixente, segue deitando un regueiro de macropiscifatorías por todo o litoral. Dos 23 parques iniciais, 13 afectaban a espazos protexidos ou merecentes de selo. É o caso dos recentes proxectos de ampliación de Quilmas (Carnota), 90.000 m2 e das novas instalacións en Piñeira (Ribadeo) e no Cabo Prior (125.000 e 171.000 m2 respeitivamente). As dúas primeiras instalacións aproveitan un “oco” oportunamente deixado nos LICs de Carnota-Monte Pindo, Costa da Morte e Mariña Occidental, mentres que a última emprázase directamente dentro do LIC Costa Ártabra.

ADEGA denuncia que estas macropiscifatorías, por estar moi próximas ou dentro mesmo de áreas protexidas, comprometen a viabilidade ecolóxica de espazos senlleiros da Rede Natura galega. Causan impactos tanto na terra (alteración de hábitats protexidos, destrucción paisaxística e patrimonial…) como no mar (vertidos con elevada carga orgánica, antibióticos, produtos químicos, etc). Tampouco contribúen a evitar a sobrepesca porque os pensos dos peixes aproveitan os descartes da pesca industrial que esquilma os mares, xerando menor valor engadido e postos de traballo que a pesca tradicional.

ADEGA non se posiciona en contra das piscifatorías. Pero estas instalacións, aliás de dimensionadas e integradas no medio, non deben ser insustentábeis e contaminantes. A administración galega debería priorizar o aproveitamento sustentábel dos recursos do noso mar para garantir o futuro das actividades mariñeiras tradicionais, antes que promover a instalación de macropiscifatorías mesmo en espazos de costa protexidos. Porén, pedimos a inmediata paralización do Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria do PP para axeitalo á nova lei 9/2006 de Avaliación Ambiental Estratéxica.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/11/08/ante-a-crise-da-pesca-de-baixura-adega-pide-medidas-urxentes-de-conservacion-antes-de-construir-macropiscifatorias-en-espazos-protexidos/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here