08/11/ 2006

Verdegaia recomenda aos políticos galegos que vaian ver “unha verdade incómoda”

TODAS AS FORZAS POLÍTICAS GALEGAS SUSPENDEN EN CAMBIO CLIMÁTICO

 

A asociación ecoloxista Verdegaia recomenda publicamente aos políticos galegos que acudan a ver o documental sobre o cambio climático “Unha verdade incómoda”, protagonizado polo ex-vicepresidente dos EEUU Al Gore. Agarda que iso contribúa a que o cambio climático deixe de estar ausente da axenda política galega. Todas as forzas políticas suspenden en cambio climático. As políticas de Concellos, Xunta e Goberno central explican que as emisións que provocan o cambio climático medrasen un 37% en Galicia entre 1990 e 2004, fronte ao descenso do 7 % na UE. Galicia contribúe a que España sexa o estado máis afastado do cumprimento do Protocolo de Quioto.

O documental “Unha verdade incómoda”, estreado en Galicia o 3 de novembro, baseáse nunha conferencia de Al Gore na que se explica de forma didáctica a ameaza que representa o cambio climático para o presente e o futuro da Humanidade. Loxicamente, Galicia non é allea a este problema. Aínda que poida parecer chocante, o noso país áchase entre os que presentan maiores emisións por habitante de Europa e do mundo . Ademais, sitúase na Península Ibérica que, segundo as proxeccións científicas, sería unha das zonas de Europa que se vería negativamente máis afectada polo cambio climático.

As centrais térmicas e o transporte son as principais fontes de emisión de gases causantes do cambio climático na nosa terra. Porén, ningunha das principais forzas políticas galegas defende restricións fortes nos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2) das centrais térmicas galegas, sendo a das Pontes a maior “fábrica de cambio climático” da Península Ibérica. Tampouco ningún partido ten en conta seriamente a cuestión do cambio climático á hora de se posicionar en temas de transporte e infraestruturas, polo que non é estraño que as emisións do sector do transporte medrasen en Galicia nun 70% entre 1990 e 2002, cando no conxunto de Europa o aumento foi inferior ao 25%.

No seu documento “Cara a unha Galicia sustentable” , Verdegaia propón como un dos dez eixos principais de accións, “actuar fronte ao cambio climático”. A Estratexia Europea de Desenvolvemento Sustentable (EEDS) afirma que a loita contra o cambio climático “proporciona oportunidades socioeconónicas importantes, contribuíndo para atenuar outras tendencias de carácter non sustentable”, por exemplo, a través da redución do consumo enerxético. Actuar fronte ao cambio climático é unha necesidade socioeconómica, unha prioridade política e un imperativo moral.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/11/08/p221/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here