E demanda o mesmo trato para as empresas responsábeis dos anteriores verquidos
A Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) acolle favorabelmente a confesión pública dos responsables da Papeleira de Brandía, asumindo a responsabilidade do recente vertido. Este feito, non debe eximir á empresa de facer fronte ás eventuais sancións que se lle poidan impoñer. Cando unha empresa sofre un accidente debe comunicar ás administracións competentes a súa existenza, analisar as causas que o provocan e tomar medidas para que non se volva a repetir.
A Lei de Pesca Fluvial 4/1992 no seu artigo 24 indica que “Queda prohibido alterar a condición natural das augas con calquera tipo de contaminante que dane os ecosistemas fluviais”. Esta infracción considérase grave por “Provocar o enturbamento das augas mediante a incorporación de calquera substancia que altere as condicións de habitabilidade piscícola con dano para esta riqueza sen a correspondente autorización”, e leva aparellado multas de entre 3.000 e 30.000 €. No artigo 37 da mesma lei, referida a sancións a explotacións industriais afírmase “a sanción levará aparellada a suspensión das actividades e no seu caso o seu peche definitivo da instalación se non reunise os requisitos para ser autorizada, así como a obriga de repor ao seu estado inicial os cauces e masas acuícolas afectados”.
Alén de aplicar a lexislación co máximio rigor para que ás empresas non lles resulte máis barato contaminar que tomar medidas para evitar os vertidos, son as administracións as responsábeis de facer cumprir a lei e defender os intereses públicos, incluída a protección do medio ambiente, con todos os medios ao seu dispor e por riba de calquera outro interese.
Finalmente queremos lembrar tanto aos responsábeis do Concello de Compostela como de Augas de Galiza que con respeito ao verquido que se produciu no Sar o mes de xuño pasado, non temos recibido aínda os resultados das análises. Estas administracións non teñen estado á altura da alarma que estes vertidos producen na cidadanía, xa que os responsábeis daqueloutro verquido seguen sen coñecerse publicamente, malia a que todos sabemos que proveñen doutra importante empresa situada nas marxes do Sar.
