22/11/ 2006

Adega-Coruña apoia as demandas das/os veciñas/os dos Castros e denuncia ás administracións públicas por “levaren anos mirando cara a outro lado”

ADEGA-CORUÑA EXIXE A PARALIZACIÓN DAS DESCARGAS DE SUBSTANCIAS TÓXICAS A CEO ABERTO NO PORTO

 

Ao fío das novas descargas de substancias altamente tóxicas a ceo aberto que estes días están a ter lugar nas instalacións portuarias da Coruña, nomeadamente na zona do Peirao Centenario, e das protestas veciñais que están a xerar, a Delegación na Coruña de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) súmase ás voces dos veciños da zona dos Castros, como xa ten feito noutras ocasións, e quere denunciar o grave problema que estas descargas representan para o medio ambiente e para a saúde das persoas.


Nos últimos días producíronse no recinto portuario descargas de clínquer que provocaron unha nova nube de pó tóxico. Isto causou alarma e fonda preocupación entre as veciñas e veciños dos Castros, que xa levan anos sofrendo e denunciando as descargas de carbón.

O clínquer, un dos compoñentes do cemento industrial, é unha substancia altamente tóxica e nociva para o medio ambiente. Ten importantes cantidades de ferro, aluminio ou sílice (dióxido de silicio) e unha descarga ou tratamento do mesmo a ceo aberto produce na poboación efectos lesivos para a saúde: dermatite, asma ou alerxias respiratorias, entre outros, con especial incidencia nos cativos, na terceira idade ou nas persoas con problemas respiratorios. Aliás, produce danos ecolóxicos importantes no ar e no mar, que non pode eliminalo nin absorbelo.

Nos próximos días seguirán a producirse novas descargas deste material, o que xa supuxo as protestas das veciñas e veciños dos Castros logo da nube tóxica deste pasado fin de semana. Mentres, temos que seguir denunciando a desidia do Concello da Coruña e das restantes administracións públicas perante un problema tan grave que leva xa moitos anos dándose e para o cal parece non haber solución. Por se fose pouco, temos que seguir aturando a desvergoña da Autoridade Portuaria da Coruña, ao afirmar que “a nube tóxica creada polas descargas do clínquer non reveste gravidade porque a dirección do vento fixo que fose para o mar e non para a cidade”.

ADEGA-Coruña quere, máis unha vez, solidarizarse coas veciñas e veciños e coa súa preocupación perante o problema das descargas; preocupación que tamén é nosa e que debería selo do conxunto das veciñas e veciños da Coruña e das súas institucións. A Delegación local de ADEGA apoia cantas medidas de presión decidan adoptar as veciñas e veciños e sumarase a elas na medida do posíbel ao tempo que chama o conxunto das coruñesas e coruñeses a faceren o propio.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/11/22/p233/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here