Conferencia sobre os “efectos dos lumes forestais sobre as rías galegas”
Como remate ás Xornadas sobre “EUCALIPTIZACIÓN: DESASTRE ECOLÓXICO” que a “Asociación Pola Defensa da Ría” veu celebrando ao longo dos últimos 15 días, este martes 28 de novembro ás 20,30 horas vai ter lugar unha nova Conferencia-colóquio nos locais da Galería Sargadelos, na rúa Oliva.
Neste caso a Conferencia estará a cargo de Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Dr en Farmacia e Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela. O Dr. Díaz-Fierros é especialista na física dos solos, nos fenómenos da erosión e da escorrentía nos montes galegos e no estudo do noso clima; é un extraordinario coñecedor dos efectos dos lumes sobre os solos, pero tamén de todos os aspectos ambientais dos lumes forestais, dun xeito moi particular dos efectos que os lumes forestais teñen sobre os nosos rios e rías.
É autor de numerosísimos traballos de investigación e director de numerosas teses doctorais no eido da edafoloxía e o clima, traballo que desenvolve tanto na Universidade de Compostela como no Instituto de Ciencias Agrobiolóxicas de Galiza (CSIC), e entre os títulos recentemente publicados debemos salientar "A cuestión ambiental en Galicia" editado por Galaxia en marzo deste ano.
Pero no extenso “currícula” do Dr. Díaz-Fierros hai que salientar tamén o seu compromiso na defensa do medio ambiente e co mundo da cultura galega; foi Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e na actualidade é Presidente da xunta rectora do Seminario de Estudos Galegos e Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, organismos nos que desenvolve unha intensa e fructífera actividade.
Para a APDR esta Conferencia-colóquio, na que se van abordar temas de absoluta actualidade na Galiza logo da terríbel vaga de lumes do pasado mes de agosto, ten un enorme interese para a sociedade galega no seu conxunto e para todas aquelas persoas involucradas na defensa das nosas Rías fronte ás agresións ambientais, e permitirá coñecer e intercambear opinións sobre como rematar con esta lacra ambiental e como abordar os traballos de prevención e de extinción dos lumes forestais para impedir as nefastas repercusións sobre o medio ambiente.
