Emisions das térmicas en Galiza: unha verdade incómoda
As centrais térmicas de As Pontes (ENDESA), Meirama e Sabón (UNIÓN FENOSA) superaron no 2005 un 28,15% a asignación de emisións fixada polo estado para cumprir co Protocolo de Quioto nese ano. O sector eléctrico, coas térmicas galegas á cabeza, foi o único que superou os topes asignados polo Plano Estatal de Asignacións de Dereitos de Emisión no periodo 2005-2007. No entanto, nunha manobra de enxeñería financieiro-ambiental, estas empresas continúan contaminando grazas a que poden “amortizar” a súa “débeda atmosférica” en países que como Panamá ou Costa Rica, non teñen a obriga de rebaixar as súas emisóns de CO2.Nestes países, as empresas eléctricas milloran tecnolóxicamente as súas prantas ou promoven novos proxectos menos contaminantes (fundamentalmente novos encoros), podendo facerse con cuotas de CO2 que compensan os excesos en Galiza. Esta estratexia, prevista no Protocolo de Quioto e denominada Mecanismos de Desenvolvemento Limpo (MDL), fai que a estas multinacionais lles saia máis barato investir no terceiro mundo que pagar as multas ou poñer remedio á contaminación no noso país.
Outro “mecanismo de flexibilidade” moi utilizado é o comercio de dereitos de emisión, mediante o que as empresas poden adquirir dereitos a outras instalacións que non superan os seus topes, criándose así un verdadeiro mercado no que cotizan, ao igual que nunha bolsa de valores, os GEIs (gases de efeito invernadoiro).
Se ben dende un punto de vista global, para a loita contra o cambio climático é indiferente onde se deixan de emitir os gases de efeito invernadoiro, non é menos certo que mediante esta estratexia, ENDESA e FENOSA están a eludir a débeda ambiental que teñen con Galiza, logo de anos de estar emitindo prácticamente a caño libre. Os impactos derivados das térmicas de carbón e fuel, verdadeiras fábricas de cambio climático a nível global, síntense tamén a escala local. Os efeitos da chuvia áceda, da contaminación dos ríos e rías, a desfeita paisaxística e mesmo patrimonial sufrímolos todos os galegos e galegas, e constitúe unha realidade incómoda que ENDESA e FENOSA non parecen dispostas a asumir e moito menos remediar. Estas empresas nen sequera pagan en Galiza os seus impostos, e en troques, obteñen inmensas plusvalías a costa de ter consumido os nosos recursos e contaminado o noso medio ambiente. Agora semella que coa excusa do aumento da demanda enerxética e aproveitando os MDL de Quioto, pretenden seguir eludindo a súa responsabilidade ambiental contraída con este país.
ADEGA demanda do estado que asuma a responsabilidade de facer fronte á débeda ecolóxica histórica que ten con Galiza (ENDESA era até hai uns anos unha empresa pública) e fixe un maior esforzo aos sectores que máis contaminan para o vindeiro periodo 2008-2012. Este esforzo debe ir orientado, por unha banda, a reducir e mesmo suprimir a cuota de emisión gratuita de GEIs fixados na proposta do Plano Estatal de Asignacións, e por outra a limitar a utilización por parte das empresas dos mecanismos de flexibilidade que como os MDL (Mecanismos de Desenvolvemento Limpos) ou o mercado de emisións, permitenlles especular coa contaminación para eludir as súas responsabilidades ambientais.
