Verdegaia presenta o libro “Viaxe ao País das nubes”.
O vindeiro martes día 28 de novembro ás 20:00 h. no Centro Cívico do Casco Vello (rúa Oliva nº12) a asociación ecoloxista Verdegaia organiza a presentación do libro “Viaxe ao País das nubes”.
O autor, Manolo Pipas, membro do grupo GAIM (Grupo de Apoio @s Indíxenas Magonistas), daranos a coñecer entre poemas, reflexións e coloquios, parte da cruenta situación na que as comunidades indíxenas de México están a desenvolver a súa longa e digna loita.
A Outra Campaña, o CIPO (Consello Indíxena Popular de Oaxaca) e a organización das mesmas comunidades son boa mostra e froito da incrible forza dun pobo que loita dende a resistencia pacífica pola defensa da súa cultura, da súa terra e da necesidade e dereito de decidir o seu destino…
Non máis que Terra e Liberdade é o reclamo unísono polo que o pobo indíxena, e aqueles que tentan dar a coñecer esta cercana realidade, están a sufrir e a ser aplacados de maneira violenta polas forzas federais e gubernamentais de México.
Poucas destas tenaces voces conseguen atravesar o océano e abrirse oco na nosa sociedade para podermos escoitar e aprender sobre outros modelos de vida, de xestión e de verdadeira loita pacífica polos dereitos e dignidade do ser humano.
Mañá, Manolo Pipas, tenderanos unha ponte dende México ate Vigo para compartir as súas vivencias no país azteca e darnos a oportunidade de coñecer ben esta outra realidade.
Para máis información podedes consultar www.verdegaia.org
Para máis información sobre o movemento popular oaxaqueño, A Outra Campaña ou outras accións podedes consultar os seguintes enlaces: www.fugaenrede.info e www.nodo50.org/cipo
