29/11/ 2006

O voluntariado en defensa do monte galego remata con éxito os seus traballos en Vilagarcia e Forcarei

Filed under: Montes e incendios

Mariñeiros e comuneiros felicitaron aos ecoloxistas
 
As recentes cheas en Vilagarcia, Rianxo e outras vilas galegas confirman o feito de que os montes e as rías son medios intimamente relacionados. Un dos impactos máis importantes que trae consigo o lume é á perda de solo. O solo é o resultado da interación da materia mineral e os restos vexetais que se degradan pola acción dos microorganismos, formándose o humus ou mantiño que aporta fertilidade e estrutura ao solo. Despois dun incendio esta estrutura fica destruída e a capa supeficial transfórmase nun pó negro que rexeita a auga (non se empapa, é hidrófobo) e que se vai coas primeiras enxurradas, formando eses lameiros negros que cubren os bancos marisqueiros matando as larvas e crias dos organismos mariños. Moitos comuneiros/as afirman preocupados que Vilagarcia, o Barbanza e outras zonas costeiras afectadas este verán polos lumes e agora polas enchentes, viviron sempre de costas aos seus montes.

Nesta pasada fin de semana, cincuenta voluntarios/as coordenados por ADEGA estiveron levando a cabo traballos para conter a erosión e minimizar os impactos das escorrentías nos montes do Caramiñal, no Barbanza, unha das zonas máis castigadas polos lumes, e conter as escorrentías. Os traballos desenvolvéronse en terreos da mancomunidade de Sta. Cruz de Lesón (A Pobra) e consistiron na colocación de barreiras vexetais para trabar o efecto das enxurradas, que lamentablemente voltaron a producirse no domingo. Este operativo, organizado pola Dirección Xeral do Voluntariado(Vicepresidencia)en colaboración coa Consellería de Medio Rural, e coordenado por ADEGA, ven traballando en labores de recuperación dos montes queimados dende a crise incendiaria de agosto. Desenvolveron as súas actividades en dous centros de traballo, primeiro en Monforte e a partir de outubro tamén Vilagarcía.
 
Estes traballos contaron coa imprescindíbel colaboración das Comunidades de Montes e agardamos que continúen o vindeiro ano, porque a loita contra os lumes e os seus efeitos non debe limitarse aos meses de verán. ADEGA quere lembrar tamén a importancia de implicar á sociedade na loita contra o andazo dos lumes, cuxas consecuencias abranguen a múltiplos ambientes, sectores económicos e sociais. Finalmente, queremos agradecer o compromiso solidario dos centos de persoas que participaron nos dispositivos do voluntariado forestal, así como ao persoal da administración e dos concellos colaboradores.

Comments »

The URI to TrackBack this entry is: http://federacionecoloxista.blogsome.com/2006/11/29/o-voluntariado-en-defensa-do-monte-galego-remata-con-exito-os-seus-traballos-en-vilagarcia-e-forcarei/trackback/

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>























Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here