A Federación Ecoloxista Galega presenta ante o Consello Galego de Medio Ambiente 48 preguntas nas que se piden explicacións sobre o rumbo da xestión da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
A FEG considera unha importante deficiencia a falta de interese do COGAMA por escoitar que opinan a representación dos sectores sociais sobre cuestións da máxima actualidade e preocupación do conxunto da cidadanía, que precisamente para algo está representada no que é o máximo órgano consultivo que hai en Galicia en materia de protección do ambiente e do territorio, o Consello Galego de Medio Ambiente e desenvolvemento Sostible (COGAMA), comité non que se debería tratar amplamente o estado da situación ambiental de Galicia e o rumbo a seguir para unha axeitada xestión.
A FEG considera que a Lei de Protección do litoral debe ser discutido neste foro de participación cidadá , independentemente de que se trata noutros ámbitos, e dar explicacións con detalle das medidas que se están adoitando.
Tamén que se informe ao COGAMA sobre os orzamentos que manexa a Xunta para o 2007, como se fixo a súa repartición e que áreas van ser as prioritarias en cuestión de financiamento, aspectos fundamentais para coñecer con claridade o esforzo e dedicación en cada un dos campos que é responsable a Consellería.
Tamén se pregunta por proxectos e plans que nun principio non se ven recollidos nos puntos propostos na orde do día. Temas coma a Lei de Protección da Paisaxe, o Plan de Residuos ou a Modificación da Lei das rías ou de Augas.
Outros temas máis particulares polos que se preguntan son toda a política de conservación da biodiversidade biolóxica e dos Espazos Naturais e xestión cinexética, da cal comeza a dar síntomas evidentes dunha errada, improvisada e deficiente xestión. Igualmente se pregunta como a Consellería está incidindo sobre outros eidos de planificación territorial que son competencias doutros departamentos e que poden ser fundamentais para artellar unha política global fronte os efectos causantes do Cambio Climático.
Por último, a FEG non entende como non está previsto informar sobre as distintas vagas que azoutaron e azoutan a Galiza que teñen implicación ambientais e que medidas se tomaron ou se están a tomar. Os lumes (en especial respecto aos espazos protexidos), as riadas ou a vaga de vertidos acontecidos este ano.
A FEG pide que o Consello Galego de Medio Ambiente non quede nun mero órgano simbólico e sexa un auténtico foro de debate e discusión entre administracións e a cidadanía.
